Monte galego I: Se as plantacións de eucaliptos penetran en Ourense, os lumes poderían arrasar coa provincia

Aínda que se trata dunha árbore que prefire o clima húmido da costa, unha nova especie comeza a adentrarse no interior de Galicia. Tendo en conta que as pavesas viaxan polas súas follas ata dous kilómetros de distancia e a gran velocidade, cos veráns ourensáns de máis de 40 graos, o verde dos nosos montes periga.

Por Galicia Confidencial | OURENSE | 06/08/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Todos os galegos coñecemos a algún veciño, familiar ou amigo que ten fincas en zonas rurais que, dado que non son edificables, aproveita para plantar eucaliptos e así poder sacarse nuns anos uns miles de euros que benvidos sexan para o peto. Tampouco é de estrañar chegar a calquera praia rodeada por árbores e comezar a cheirar ese olor mentolado tan característico do eucalipto.

Eucaliptos
Eucaliptos | Fonte: Xunta de Galicia

E é que hoxe en día o 28 % do monte galego está composto por esta especie exótica (procedente de Australia) que chegou para quedarse, reproducirse e, visto o visto, rematar cos nosos piñeiros e castiñeiros. O bosque atlántico deu paso a unha especie invasora que, ademais de ser nociva para o chan, é altamente inflamable e pode facer que as chamaradas dun incendio se reproduzan a gran velocidade.

Tal e como expoñen os xornalistas de El Orden Mundial (EOM) Álvaro Merino e Abel Gil no completo informe 'A febre do eucalipto: especulación e lume en Galicia', en tan só unha xeración, o eucalipto xa é dono do monte galego: ocupa unha superficie similar á da provincia de Pontevedra, case nada! Fundamentalmente, esténdese polas zonas de costa, onde a humidade e o clima temperado son máis propicios para o seu crecemento. Así, case todos os exemplares están situados na costa de Pontevedra, en prácticamente toda a provincia da Coruña e no norte da provincia de Lugo. 

Por sorte, grazas a esta ubicación na que os lumes non adoitan ser tan intensos nin tan arrasadores como os que se producen na provincia de Ourense, aínda temos moito monte verde, pero, que pasaría se os eucaliptos crecesen tamén en Ourense? O desastre podería ser total, pois a ver quen frea o avance das pavesas (ascuas que co vento viaxan ata 2 kilómetros dando lugar a focos secundarios) baixo unha temperatura de 40 graos.

Aínda que se xa dixemos que o eucalipto se da en zonas de costa principalmente porque lle gusta a humidade e o clima temperado, non habería risco de que se adentrase no interior, non? Pois, lamentablemente, si que o hai: as novas xeracións de eucalipto deron lugar a unha nova especie --nitens, en lugar de globulus--, que si leva ben temperaturas estremas e máis frías, e que, por tanto, podería darse en Ourense.

Un incendio arrasou un monte cheo de eucaliptos
Un incendio arrasou un monte cheo de eucaliptos | Fonte: Ariadna Silva

O EXEMPLO CLARO DO PERIGO: O INCENDIO DE BOIRO DE 2022

Para facernos á idea do que podería suceder, pero multiplicado por cinco, é suficiente con botar a vista atrás e recordar como se estendeu o gran incendio de Boiro de agosto do pasado ano, un dos máis grandes que se recordan na zona, que rematou por calcinar 2.200 hectáreas e obrigou a desaloxar a 700 persoas por chegar as chamas ás casas. 

O lume comezou na cheminea dunha vivenda e ascendeu monte arriba. Aínda que todo arrancou por un descoido humano, foron unhas plantacións de eucalipto, xunto á pendente do monte e ao vento que sopraba do nordés, as que descontrolaron por completo o lume, que rematou por estenderse a catro municipios.

ENCE, A GRANDE IMPULSORA DAS PLANTACIÓNS

Por que se plantan entón estas árbores? A resposta para os xornalistas de EOM só é unha, aínda que motivada por diversas causas: os cartos. En tan só 15 anos o eucalipto está listo para ser tallado e vendido, a un prezo de ata 2.500 euros por hectárea. O piñeiro, pola súa contra, precisa case tres décadas (o dobre) para estar preparado para a talla.

E quen quere comprar esta madeira de eucalipto? A gran papeleira galega, Ence, que sempre pide máis e máis, cunha gran produción a nivel europeo, sendo a líder no continente. Só en 2022 Ence destinou 236 millóns de euros a mercar madeira deste tipo, case toda comprada a particulares.

UN NEGOCIO QUE SUPÓN O 2 % DO PIB

E por que ninguén lle pon freo a esta aberración se podería acabar co noso verde? No seu artigo aseguran que porque é un negocio redondo, que non interesa rematar: aporta a Galicia o 2 % do seu Produto Interior Bruto (PIB). Fraga creou no seu momento un plan forestal, no ano 1992, que prevía que para 2030 habería en Galicia unhas 245.000 hectáreas de eucaliptos.

Esa cifra superouse xa no 1998 e, en 2022, xa ascendía a 409.026 hectáreas. Así as cousas, e ante a demanda de ecoloxistas e colectivos, Feijóo viuse obrigado a tomar medidas. Medidas que resultaron ser ficticias, pois aínda non están en marcha a pesar de ser anunciadas fai anos. A pesar do avance descontrolado, agardou ata 2021 para actualizar o plan forestal de 1992 establecendo unha redución dos exemplares de apenas un 5 % para 2040.

VÍA LIBRE ATA 2026, E DESPOIS TAMÉN

Ademais, pouco despois, o expresidente da Xunta e actual candidato á presidencia do Goberno, fixou unha moratoria para impedir novas plantacións de eucalipto ata 2026, excluíndo, ademais, os terreos onde xa estaban presentes. Que quere esto dicir? Por un lado, que non será ata dentro de tres anos cando nas fincas non se poidan plantar novas árbores; e que, se xa as tes actualmente, non te preocupes, pois poderás seguir con elas, porque se presupón que a túa explotación adícase a plantar eucaliptos.

Cales foron as consecuencias desta política? As lóxicas: moitos propietarios cortaban outras árbores que tiñan nas súas fincas (como os piñeiros e castaños autóctonos) e apuraban (e apuran) a plantar eucalipto para garantirse que o poderán seguir facendo no futuro, a partir de 2026, e asegurarse uns rendementos económicos elevados das súas terras. Vamos, contraproducente de todo!

Plantación ilegal de eucaliptos na Serra do Xistral
Plantación ilegal de eucaliptos na Serra do Xistral | Fonte: ADEGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Pli

E logo na mariña lucense q hai 100% de eucaliptos por qué non hai incenfios?

1 Chovete.

Porque alí hai máis húmidade. É o único sitio onde deberían estar permitidos, no resto é un perigo.

2 Bombeiro calquera

Porque a causa dos incendios non son as especies que hai no monte. Tampouco ardían Suecia,Francia,Alemania,Inglaterra...

2 Moine

Viva o PP! Vivam os votantes do PP! Viva a ignorância! Inçar Galiza de eucaliptos para fornecer matéria prima para as fábricas de pasViva o PP! Vivam os votantes do PP! Inçar Galiza de eucaliptos para fornecer matéria prima para as fábricas de pasta de papel e a vez encher os petos dos oligarcas madrilenhos. Galiza deixara de existir como País habitável pois perderá todo o húmus da terra a causa dos incêndios, o eucalipto é umha espécie pirófila. Isto é o eucalipto. ta de papel e a vez encher os petos dos oligarcas madrilenhos. Galiza deixara de existir como País habitável pois perderá todo o húmus da terra a causa dos incêndios, o eucalipto é umha espécie pirófila. Isto é o eucalipto.

1 Moine

Viva o PP! Vivam os votantes do PP! Inçar Galiza de eucaliptos para fornecer matéria prima para as fábricas de pasta de papel e a vez encher os petos dos oligarcas madrilenhos. Galiza deixara de existir como País habitável pois perderá todo o húmus da terra a causa dos incêndios, o eucalipto é umha espécie pirófila. Isto é o eucalipto.