O oso pardo xa conta con presenza estable en Galicia: "A coexistencia co humano é posible, protexendo as cortizas"

Óscar Rivas, da Fundación Oso Pardo, asegura que o mellor método de protección é a instalación de pastores eléctricos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O oso pardo conviviu historicamente co home en Galicia. Durante os anos 90 chegou case a desaparecer e é por iso que nos esquecemos de que houbo un tempo no que coexistimos ambas especies. Dende fai uns anos os ataques a colmeares na parte máis oriental da comunidade e os avistamentos dalgún destes grandes animais xeraron certa alerta entre apicultores e poboación. Hoxe, dende o Galicia Confidencial falamos co veterinario Óscar Rivas, da Fundación Oso Pardo, que nos explica por que non hai que temer a este animal e a forma de evitar que estes danos aos colmeares sigan acontecendo, especialmente nun momento de boas noticias a nivel de recuperación desta especie.

Oso Pardo nos Ancares
Oso Pardo nos Ancares | Fonte: turgalicia - Arquivo

En Galicia houbo un tempo no que o oso pardo chegou practicamente a desaparecer, pero ben é certo que ao final a nosa terra linda co suroccidente de Asturias e o noroccidente de León, onde a especie nunca chegou a desaparecer, como apunta Rivas. "Foi nesa zona onde uns 70 ou 80 osos lograron sobrevivir durante a década dos 90", asegura, e apunta que "foi nese momento cando a poboación de oso cantábrica tocou fondo". Esa proximidade da pequena poboación de osos que quedaba no límite con Galicia facía que "aínda neses peores momentos algún oso explorador entrase nas serras galegas, fundamentalmente na zona dos Ancares". Dende esa, como afirma o veterinario, "as cousas mudaron bastante e a presenza do oso en Galicia agora pode considerarse estable e continua durante todo o ano".

"POLO MOMENTO SÓ SE CONSTATOU EN GALICIA A PRESENZA DE MACHOS EXPLORADORES, PERO NON DE FEMIAS REPRODUTORAS"

Agora ben, polo momento só se constatou a presenza de machos exploradores, pero non de femias reprodutoras, que é o que nos faría entender que o oso pardo volve estar asentado en Galicia. "Agora mesmo aínda non está constatada a presenza de femias reprodutoras, e ese é un proceso que tarda máis en chegar, porque esas femias reprodutoras teñen desprazamentos moito menores e adoitan facelos pola zona onde nacen, de tal xeito que a súa colonización vai máis lenta", explica Rivas. Mentres que, os machos, pola súa banda, "si adoitan facer grandes exploracións". Polo de agora só se sabe de episodios de reprodución da especie no lado leonés dos Ancares. "O feito de que a reprodución dunha femia acontecera en Galicia aínda non está constatado, aínda que si se teñen observado femias con cría que presuntamente procederían das zonas limítrofes de León e Asturias", conclúe.

O que si é innegable é que "a presenza da especie vai a máis e xa está asentada nunha ampla área do que podemos considerar a montaña oriental, tanto de Lugo como de Ourense". Nesa zona, como evidencia Rivas, "si que hai presenza habitual de osos exploradores que entran". Lembra que fai uns tres anos, coincidindo coa pandemia, se chegou a gravar un oso no Macizo Central por parte de xente que estaba a facer un documental, na zona do Invernadoiro. Isto, lonxe de ser unha preocupación, para a Fundación Oso Pardo son "boas novas", pois indican que "a poboación cantábrica está en crecemento e deses 80 osos que quedaban a finais dos anos 90 agora estamos preto dos 400 en toda a cordilleira cantábrica, algúns deles con presenza acreditada en Galicia". Xa lonxe quedou esa época na que se perseguían de forma directa, primeira, e indirecta, despois, cando os osos morrían pola caza furtiva ou porque caían en trampas que se colocaban para outras especies.

Imaxe dun oso pardo remitida pola USC
Imaxe dun oso pardo remitida pola USC | Fonte: USC - Arquivo

"AO OSO XA NON É SÓ QUE LLE GUSTE O MEL, SENÓN QUE A PROTEÍNA DAS LARVAS DAS ABELLAS TAMÉN É MOI BUSCADA EN MOITAS ÉPOCAS"

E, indubidablemente, unha maior presenza de osos no territorio tamén aumenta as posibilidades de encontros con eles. As últimas novas ao respecto foron rexistradas hai cousa de dúas semanas, cando unha empresa adicada á produción do mel subiu un vídeo a redes sociais dos seus colmeares destrozados. Como evidencia Rivas, "o oso é amante do mel, e xa non é só que lle guste o mel, senón que a proteína das larvas das abellas tamén é moi buscada en moitas épocas, sobre todo naquelas nas que hai pouco alimento dispoñible no campo e teñen que buscalo por outras vías". Así, "cando eles chegan a unha zona onde os colmeares non están protexidos, moi poucos osos poden causar moita alarma, porque poden crear moitos danos", asegura.

Dende o seu punto de vista, o que pasou concretamente no caso deste episodio na comarca dos Ancares é que "aínda que a comarca en si é un lugar con presenza tradicional da especie, ao mellor en partes máis baixas como pode ser o concello de Cervantes, onde se están dando os casos, a xente non estaba acostumada á presenza do oso e tiña a maioría dos colmeares desprotexidos, xa fose porque nunca recibiran antes visitas de osos ou porque a pesares de ter un pastor de protección, como levaban tempo sen esas visitas, se relaxaron". Fose cal fose o motivo, Rivas asegura que "o caso é que practicamente o 100 % dos colmeares desa zona estaban sen protexer e iso para o oso é un atractivo: entra, hoxe vai a un, ve que non pasa nada, mañá vai ao do veciño, tampouco pasa nada, e repite". "Para eles é como entrar nun supermercado sen ningunha protección", exemplifica.

"EN TODA A CORDILLEIRA CANTÁBRICA OS POBOS ESTÁN IMBRICADOS NA PAISAXE E NON É NADA RARO QUE ENTREN ANIMAIS POLA NOITE NELES"

Para evitar novos episodios, o veterinario recomenda a posta e mantemento dos pastores, pois "funcionan moi ben". Aínda que sabe que "supón un traballo extra para os apicultores colocalos e mantelos, porque hai que manter ben cortada a vexetación, sobre todo nesas latitudes nas que tende a medrar moito, pois se a vexetación toca o fío do pastor este xa se descarga ou non actúa o mesmo". "Todas as medidas de protección implican certo traballo extra e hai que entender que, ante a falta de ataques, a xente se relaxa e non as pon", concede Rivas. Este é o escenario actual. Dende a Fundación Oso Pardo levouse a cabo o proxecto Life Oso Courel entre os anos 2017 e 2021 na que "unha das cousas que máis se traballou foi a protección do sector apícola, coa repartición de máis de 150 pastores". Hoxe por hoxe a Xunta tamén conta cunha liña de axudas para a compra de pastores.

Sobre o caso concreto que saltou ás redes e aos medios de comunicación, Rivas tamén critica que "ben é certo que a persoa que tivo os danos, en lugar de poñer pastores cando tivo o primeiro dano, puxo cámaras, e esa non é unha actitude responsable, pois está ben poñer cámaras, pero o efectivo é poñer un pastor para evitar novos ataques e cámaras para poder ver a resposta do oso ao pastor, porque se non pos o pastor sabes que o oso vai seguir entrando". Tamén lembra que houbo algo de alarma pola proximidade de ataques a un comear preto dos pobos. Sobre iso considera que "en toda a cordilleira cantábrica os pobos están imbricados na paisaxe e neles sempre entran animais polas noites para aproveitar os recursos, isto é algo habitual, non é nada raro, o raro sería chegar a ver eses animais de día ou que ao velos non escaparan ante a presenza humana".

"ESTES OSOS QUE CAUSAN DESTROZOS NIN SE VÉN, AS OBSERVACIÓNS SON MÍNIMAS"

En caso de que os osos se visen de día ou non fuxisen dos humanos "serían comportamentos que nos poderían levar a falar de habituación ou dalgún oso concreto problemático", pero non é o caso. De feito, asegura que "estes osos que causan destrozos nin se vén, as observacións de osos son mínimas". Así que incide en que os ataques "se solventan protexendo os colmeares desas zonas como o concello de Cervantes (comarca dos Ancares), o Courel, Pedrafita e en xeral toda a zona da montaña oriental dende A Fonsagrada polo norte ata á Pobra do Brollón e Ribas de Sil polo sur, porque estes son concellos potencialmente oseiros que nalgún momento poden recibir a visita dalgún destes osos exploradores". Cando un oso chegue a un destes sitios e se atope colmeares sen protexer, resulta evidente que vai causar moitos danos e moi significativos.

Na actualidade semella que nos esquecemos de que a poboación galega conviviu sempre co oso. Proba desa convivencia está nas alvarizas, tamén coñecidas como cortiños, que se estenden por case toda a xeografía galega, aínda sendo máis abundantes na zona oriental. Como explica Rivas, "son construcións feitas precisamente para a protección das colmeas que había naquel momento, que eran doutro tipo, non como as modernas". Na súa maioría, as colmeas antigas "estaban situadas lonxe das poboacións, en zonas máis inaccesibles, ás que había que acceder con mulas ou a cabalo". Algunhas delas restauráronse para volver ser empregadas, e moitas só polo seu valor como patrimonio etnográfico. Sexa como fose, para o veterinario está claro que "isto atestigua a presenza da especie en Galicia". Ademais, apunta a que "hainas en moitos lugares, especialmente nas montañas orientais, pero tamén en lugares como a Serra do Candán ou do Suído, no norte de Pontevedra, e mesmo na Costa da Morte", o que supón que "a presenza histórica do oso foi moito máis ampla".

"AGORA AS COLMEAS ESTÁN INSTALADAS CADA VEZ MÁIS PRETO DAS POBOACIÓNS, O QUE TAMÉN É UN ATRACTIVO PARA QUE OS OSOS SE ACHEGUEN"

Ademais, agora tamén se dá a circunstancia de que as colmeas están instaladas cada vez máis preto das poboacións. Para o membro da Fundación Oso Pardo, "é normal que a xente intente ter comodidade nas súas producións, pero si que é certo que moitas veces as colmeas baixan bastante ás poboacións, algo que tamén está vinculado a ese abandono das actividades humanas en parte do territorio". Así, "zonas que antes facían falta para o cultivo, máis próximas á casa, agora adícanse á instalación de colmeares". "Isto evidentemente tamén é un atractivo para que os osos se acheguen máis ás poboacións", evidencia Rivas. 

Con todo, fai un chamamento á tranquilidade, porque "na cordilleira cantábrica non hai casos de ataques de osos a humanos". De feito, "nos últimos 25 anos só houbo 8 casos de encontros con osos, que non se poden cualificar como ataques, senón que foron máis ben encontróns, como os que pode haber, algunha vez, co xabaril". "Ataques activos e directos é moi difícil que se produzan porque os animais, ao ser perseguidos durante milenios, teñen no seu ADN ese medo ancestral aos humanos", explica o veterinario, que incide en que "non porque agora houbese eses ataques a colmeas a xente ten que coller medo a andar fóra". E é que, como asegura, "os osos adoitan detectarche a ti moito antes que ti a eles e a súa reacción natural é marchar correndo ou, como pouco, manter a distancia de seguridade". Para a Fundación Oso Pardo, sen lugar a dúbidas, "a coexistencia entre humanos e osos no territorio é posible", aínda que sexa "tendo que tomar certas medidas de protección como a instalación de pastores".

Oso pardo filmado no Macizo Central Ourensán
Oso pardo filmado no Macizo Central Ourensán | Fonte: ZEITUN FILMS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta