Os pementos de Padrón chegaron tarde este ano, pero chegaron: "Agora as plantas están cheas de cría"

Milagros González Refojo, presidenta da cooperativa A Pementeira e do Consello Regulador da Denominación de Orixe 'Pemento de Herbón', conta ao Galicia Confidencial como se cultivan e colleitan estas delicias gastronómicas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/08/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Ser de Padrón e ir polo mundo adiante é sinónimo de que che pregunten polos pementos esteas onde esteas. E é que este pequeno concello coruñés, con permiso de Rosalía de Castro e de Camilo José Cela, é coñecido no mundo enteiro pola denominación de orixe dos seus pementos. 'Uns pican e outros non'. Non hai un dito galego que sexa máis soado internacionalmente. Así, e aínda que a moita xente lle encanta degustar este froito, non é tanta a que coñece realmente como se leva a cabo a súa plantación e colleita. Dende o Galicia Confidencial, e da man de Milagros González Refojo, presidenta da cooperativa A Pementeira e do Consello Regulador da Denominación de Orixe 'Pemento de Herbón' (que é como realmente se lles debe chamar, sendo Herbón unha das parroquias do concello de Padrón), coñecemos como se cultivan estas delicias gastronómicas.

Milagros no seu invernadoiro
Milagros no seu invernadoiro | Fonte: GC

O primeiro a ter en conta é que o proceso de produción dos pementos é un ciclo que se repite tempada tras tempada e que se leva facendo dende hai moitas xeracións: os pementos que se plantan proceden das sementes dos que xa deron froito. En concreto, as plantas que se poden observar a estas alturas do ano proveñen dos semilleiros, que como indica Milagros son "os lugares onde facemos a planta coas sementes que recollemos das nosas propias fincas ano a ano". Hai unha parte dos pementos que non se recollen e se deixan madurar, ata que se poñen vermellos, de tal xeito que logo "sacámoslles as sementes, secámolas e facemos con elas os semilleiros, onde nacen as plantas novas que plantaremos de cara á próxima tempada". 

A pementeira explica que "a época de trasplante das plantas dos semilleiros para os invernadoiros é dende mediados de febreiro ata comezos de marzo, mentres que nas fincas ao aire libre as plantas trasplántanse dos semilleiros a comezos do mes de maio". No caso da denominación de orixe 'Pemento de Herbón', "nós facemos o ciclo completo, porque as nosas sementes foron herdadas de pais a fillos, así que seguímolas recollendo a día de hoxe para obter plantas ano tras ano, non as mercamos en ningún sitio". Precisamente é iso o que lles permite ter o recoñecemento, o que "sexa algo noso desde sempre". E, aínda que a simple vista non se aprecia diferenza entre os pementos de Herbón e outros, si que a hai no sabor.

"ESTÁN ENGANANDO Á XENTE, PEMENTOS DE PADRÓN NON HAI TODO O ANO"

Neste senso, Milagros lamenta que a día de hoxe enganan moito ao consumidor, usando o nome de pementos de Padrón para vender pementos que non pertencen á denominación de orixe. "Fai uns anos comezaron a copiarnos noutros sitios e a plantar pementos tamén pola zona do sur de España e mesmo agora mesmo en Marrocos", conta. Cal é o problema disto? "Que nós debémonos ao tempo e o clima aquí en Galicia só nos deixa ter pemento en tempada, de maio a outubro ou novembro como moito, mentres que nesas zonas onde hai mellor clima poden ter pementos todo o ano para vender e poñer no mercado", indica. E non habería maior problema se non fose porque moitos se venden baixo o nome de pementos de Padrón, cando non proveñen de Herbón.

Pementos de Padrón
Pementos de Padrón | Fonte: GC

Así, se estás en decembro e ves que na carta dun restaurante aparece que teñen pementos de Padrón, non o creas, pois pementos terán, pero de Padrón xa vos aseguramos que non son. "Están enganando á xente", asegura a pementeira, que explica que, "para estar dentro da lei, o que tiñan que poñer é 'pemento de tipo Padrón' ou 'pemento variedade Padrón', e non 'pementos de Padrón', porque se son de Padrón realmente é imposible que estean todo o ano no mercado". Ademais, hai que ter en conta tamén que non pode haber unha produción tan grande como a que se vende que proceda de Herbón porque, como apunta Milagros, "agora mesmo aquí coa denominación de orixe somos só 27 produtores".

"OS FUNGOS E AS PRAGAS SON CADA VEZ MÁIS E COMPLÍCANNOS O TRABALLO"

O cambio climático, como noutros sectores, tamén está a causar estragos na produción dos pementos. Como nos conta Milagros, "estes días estamos tendo bastante produción porque coa calor e o aumento das temperaturas tamén subiu a produción, sobre todo no que se refire ao pemento ao aire libre", pero "o resto da tempada tivemos moita menos cantidade que outros anos, porque a temperatura de xuño non axudou, con ese tempo tan raro que tivemos". Lamenta que "as cousas hai que facelas igual, e pasar o traballo, pero é o tempo o que ao final vai facer que os pementos salan adiante ou non". Despois duns días de baixas temperaturas, por sorte, están remontando na colleita, especialmente nas plantas de exterior, que deberían ter comezado a dar pementos xa a mediados de xuño.

"Agora coa suba das temperaturas nocturnas, cheas de cría, están dando os primeiros pementos da tempada", explica. Aínda que non todas as plantas dan por igual nin dan todos os anos a mesma cantidade, porque, como apunta Milagros, "as plantas tamén teñen os seus propios ciclos e hai veces en que están máis cheas de cría e outras nos que ao mellor fan un parón un tempo e despois volver dar, que é o que acontece nos invernadoiros". Outro problema derivado do cambio climático son as enfermidades, que atacan con maior frecuencia e intensidade ás plantas, "dende as causadas por fungos (como a podredume gris ou o oídio) ata pragas (pulgóns, trips, moscas brancas, gusanos soldados ou arañas vermellas)", o cal "aínda nos complica máis o traballo".

"OS MOZOS NON QUEREN SABER NADA DO CAMPO PORQUE É MOI SACRIFICADO"

No tocante ao relevo xeracional, Milagros ve a cousa "complicada". Na súa opinión, "os mozos estudan e logo marchan ou, nesta zona na que hai moita industria do aluminio, rematan empregados nela, porque hai moita oferta". Ademais, cre que "os mozos e as mozas non queren saber nada do campo porque é moi sacrificado, queren ir traballar a unha fábrica aquelas horas e vir para a casa e olvidarse do traballo, e o fin de semana e os festivos olvídanse do traballo ata que teñen que volver, desfrutan das súas vacacións e do seu soldo ao mes e listo". Así as cousas, "non queren complicarse a vida coas plantas, pendentes de se este ano haberá ou non haberá colleita e tendo que traballar sábados, domingos e festivos sen poder ir á praia no verán nin coller vacacións".

Para a pementeira é unha realidade que "a mentalidade cambiou totalmente nese sentido e a xente non quere campo, por iso se está quedando abandonado". Agora mesmo, a idade media deses 27 produtores que traballan baixo a denominación de orixe está nos 50 anos ou algo máis, "entre a xente que xa sobrepasamos os 60 e que estamos a punto de xubilarnos e os máis novos que andan nos 40". Estas persoas adican durante a colleita entre 12 e 13 horas diarias aos pementos: "Non só hai que recollelos, logo hai que chegar á casa e seleccionar os que serven, os que non, os que pican, os que non, os que son máis grandes, os que son máis pequenos... E todo iso tamén che leva unhas horas", confesa Milagros.

Recollida dos pementos de Padrón
Recollida dos pementos de Padrón | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A xulgar polo invernadoiro de Milagros semella que o agro converteuse na Catedral do Pemento e se miramos prezos a 5 € os 400 gramos (transporte a párte) os Pementos de Herbón levan camiño de se converter no Caviar de Padrón ! Cinco € son 832 pesetas para menos de 1/2 Kg ! No supermercado había pementos de marrocos a 1,5 € o Kg / Será que son de fóra, e todo o que tí queiras, pero un kilo son 1000 gramos e o que Milagros pediría son máis o menos 13 € e os de Marrocos saen a 1,5 € ¿E logo pregunta por que os rapaces non queren traballar para as 8 evasadoras de pementos autorizadas? Será porque lles pagan moito mellor montando os Invernadoiros de Aluminio de Milagros? Será...