Podcast en galego: Castañas no verán, un espazo no que se aborda a trata, a eucaliptización ou a saúde mental

Realizado por voluntarios de Agareso, vai xa pola súa quinta tempada, con confirmación dunha sexta. O GC fala con Verónica, coordinadora deste programa, que nos conta como se xestou e como foi evolucionando.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 22/08/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O mundo dos podcast está crecendo como auga de maio. Pero o que hai que celebrar é que dentro desa tendencia tamén se suman cada vez máis podcast en lingua galega, que se fan un oquiño entre os oíntes da nosa comunidade (e tamén do exilio). Dende o Galicia Confidencial queremos darvos a coñecer algúns dos máis importantes, exitosos e interesantes a día de hoxe, para poder compartir entre todos a afección pola escoita de programas de audio en galego. Hoxe presentámosvos o podcast Castañas no Verán, un produto derivado da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), para o que falamos coa súa coordinadora, Verónica Couto.

Castañas no verán, podcast
Castañas no verán, podcast | Fonte: Castañas no verán

Para atopar as orixes deste programa hai que remontarse ata a pandemia. Verónica lembra que "cando nos encerraron a todos na casa, no ano 2020, un compañeiro da organización e eu falamos nunha conversa informal de que estaría xenial poder contar cun podcast así, tendo en conta que dende Agareso facemos bastante radio e que tamén era unha demanda do voluntariado o poder ter un espazo no que falar de temas que normalmente non ocupan demasiado espazo nos medios convencionais". Foi así como, confinados na casa, comezaron a dárlle forma á idea, nun intre no que non era nada sinxelo, porque había compañeiras de Agareso que estaban noutros países, como Perú ou Estados Unidos. Con esforzo e ilusión a idea convertiuse en realidade e o primeiro programa viu a luz o 15 de abril de 2020. 

Dende aquel primeiro podcast pasaron xa catro anos e 5 tempadas, que abranguen de setembro a xuño. "Imos aí un pouco canda o curso escolar", chancea Verónica, que tamén nos conta que "aínda que hai xente coma min que nos mantemos facendo o podcast dende o seu nacemento, tamén hai outros que por asuntos persoais foron mudando". O que si que non cambiou foi o feito de que "o podcast está composto integramente por persoal voluntario de Agareso". Polo que respecta aos temas, en 36 programas deu tempo para tratar de todo e todo moi interesante: trata de persoas, crise da vivenda, precariedade laboral, violencia de xénero, saúde mental, eucaliptización... Todo temas 100 % de actualidade e de interese social.

No tocante ao público, e a pesares de que semelle contradictorio, nestes últimos tempos hai menos oíntes que ao comezo. Pero como recoñece Verónica é algo que se pode entender se temos en conta que "agora hai milleiros de programas e podcast", mentres que "cando empezamos non había tantos como agora", polo que "se complica un pouco máis o chegar a máis xente". Ademais, lembra que "cando nós comezamos había máis oíntes tamén porque a xente estaba na casa e tiña máis tempo para moitas cousas". Como nos apunta a coordinadora de Castañas no Verán, hai programas que chegan ás 600 escoitas, algo que "igual para outro tipo de podcast é pouco, pero para nós xa é moitísimo, tendo en conta que tratamos temas delicados como a trata ou a mercantilización dos corpos".

E como se elixen os temas que se van tratar nos podcast? Verónica asegura que "todo é moi asambleario: reunímonos unha vez ao mes como mínimo, de xeito 'online' normalmente porque ao tratarse de voluntarios cada quen vive nun lugar de Galicia e é complicado xuntarnos a todos fisicamente; propoñemos temas de actualidade e de interese; votamos e o que sala por maioría é o que se aborda no seguinte programa; e tamén decidimos por que camiño tirar segundo nos apeteza". Tamén concede que "si fixemos algunha cousa por demanda, xa fose de Agareso ou doutras entidades, como foi o caso en xuño do ano pasado dun podcast dende o Cumio galego contra o Odio, onde foron contratados pola Coordinadora Galega de ONG's". Outro exemplo é un dos últimos programas da pasada tempada, no que abordaron a violencia sexual en República Dominicana porque "Agareso fai moito traballo nese país".

Primeira tempada de Castañas no verán, en plena pandemia
Primeira tempada de Castañas no verán, en plena pandemia | Fonte: Castañas no verán

"OS ÚLTIMOS PROGRAMAS TRATAMOS DE QUE DUREN UNS 20 MINUTOS COMO RESPOSTA  AO AUMENTO DA OFERTA DE PODCAST E Á FALTA DE TEMPO DA XENTE"

Unha vez decidido o tema, como se plantexa o programa? Verónica tamén recoñece que "isto é algo que foi mudando", porque "é verdade que os nosos podcast cambiaron un pouco". "Ao comezo eran programas máis longos que tiñan diferentes pezas, entre as que había entrevistas, reportaxes longas, cuñas publicitarias, contos... Durando entre todo máis dunha hora", explica. Mentres que, "agora, os últimos podcast intentamos que sexan duns 20 minutos ou mesmo un pouco menos". Como considera Verónica, "é tamén a nosa forma de dar resposta a esa oferta cada vez maior de podcast e á falta de tempo da xente para poder escoitalos, intentando non saturar ao público nin aos voluntarios que fan o podcast, porque ao final este é un traballo voluntario, no que hai meses nos que temos máis tempo e meses nos que temos menos".

Dende logo, para Verónica está claro que "a fase que máis tempo nos ocupa é a de documentación", xa que "como Castañas no verán nace tamén con esa intención de tratar os temas de xeito diferente e tratar temas que non teñen tanta presenza nos medios convencionais, a fase de documentación si ou si ten que ser importante". Así, "o primeiro paso é tratar de buscar referentes sobre cada tema en Galicia, ou fóra de Galicia se non é posible atopalos aquí, o importante é ter expertos que poidan darnos a súa visión e axudarnos a entender a temática". A entrevista que se lle fai a esas persoas "úsase ademais de para a parte de documentación para introducila no podcast, a través de cortes, de xeito o máis reportaxeado posible". En función da dispoñibilidade e do que máis lle apeteza facer a cada voluntario repártense as tarefas e, cando xa está todo listo, procédese a elaborar de xeito colaborativo un guión e logo xa se pasa á fase de locución (realizada por Verónica) e edición.

"TODO O PROCESO DE DOCUMENTACIÓN, ENTREVISTA, MONTAXE E EDICIÓN LÉVANOS MÁIS OU MENOS UN MES"

O tempo de duración de cada podcast depende moito da duración da entrevista da que parte todo o programa, pois como nos explica a coordinadora de Castañas no Verán, "adoita ser unha entrevista longa que logo procedemos a transcribir, seleccionar as partes máis importantes nun documento colaborativo, sacar os cortes e logo volver editar todo o programa". "Todo o proceso, máis ou menos, lévanos un mes", afirma Verónica. O produto final é dunha gran calidade, como puido observar o Galicia Confidencial en primeira persoa e, aínda que están orgulloso do logrado, Verónica apunta que "o noso podcast nunca naceu coa finalidade de conseguir un número concreto de oíntes nin chegar a monetizar, senón de tratar temas que para nós son importante co maior rigor posible, e aí é onde nos centramos, en tratar a información de xeito respectuoso para nós e para o público".

Seguramente a estas alturas xa vos estaredes preguntando de onde parte o nome de Castañas no Verán. E resulta que, como todas as boas ideas, saiu dun 'brainstorming' realizado neses comezos, no ano 2020, cando "tiñamos moito tempo para pensar", chancea Verónica. A ela ocorréuselle o de 'castañas' porque "é algo moi da terra, moi noso, moi galego". A iso sumouse o de 'verán' porque "que haxa castañas no verán é algo utópico, no verán non adoita haber castañas e, se as hai, non é por un proceso natural". Así, o seu podcast é como atopar castañas no verán, "ten a súa compoñente utópica porque nel pódese atopar algo que a xente non está acostumada a ver noutros medios, temas que non adoitan ter presenza neles aínda que deberían".

CONFIRMADA UNHA SEXTA TEMPADA, QUE TAMÉN ESTARÁ DISPOÑIBLE EN IVOOX E SPOTIFY

Por aquel entón non soñaban sequera con chegar a 5 tempadas, porque "por doado que semelle é difícil coordinar a xente voluntaria que está en diferentes puntos, supón un esforzo moi grande". "Cada quen ten a súa realidade e, se se trata de algo voluntario polo que non se percibe retribución económica, non se poden sacar horas de descanso da xente, nin de ocio nin moito menos de traballo", explica Verónica. Pero, con moito esforzo, van logrando facer un produto de gran calidade tempada tras tempada. "A crave está na ilusión", recoñece a coordinadora do programa, que nos confirma que si haberá unha sexta tempada. "Non sei ata onde nos darán as enerxías, pero xusto este ano sumáronse dúas persoas novas que aportan frescura e ideas, o cal tamén está ben e nos axuda a nós a seguir con ilusión", confesa. Castañas no Verán pódese escoitar dende iVoox e dende Spotify.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta