Dous andaluces namorados de Galicia viven coidando casa e mascotas nunha aldea galega

Javier e Sonia son unha parella que fai cousa dun mes decidiu deixar toda a súa vida en Sevilla atrás para cumprir o seu gran soño: vivir viaxando e asentarse un tempo en Galicia. Agora están xa aprendendo galego e antes de irse xa sinten "morriña" de ter que deixar "unha terra e unha xente tan fermosa".

Por Ángela Precedo | LUGO | 02/08/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Javier e Sonia (@esnuestrorollo.viajando) son dous mozos andaluces de Alcalá de Guadaira (Sevilla) que, cansos da cidade e de ter que levar un estilo de vida imposto pola presión social, decidiron deixalo todo atrás e aventurarse a vivir viaxando polo mundo coidando casas e animais. Foi así, baixo estas condicións, que chegaron a Galicia fai cousa dun mes, a unha pequena aldea onde foron acollidos por unha familia que lles dá todo o que precisan para vivir sen custe a cambio de que lle coiden aos seus tres gatiños, ao perriño e a tres galiñas, así como a casa que teñen na aldea. Atoparon esta oportunidade a través da aplicación Trusted Housesitters, e agora contan ao Galicia Confidencial como está sendo este soño do que nunca queren espertar. Pasarán seis meses na nosa terra, ata o vindeiro mes de decembro, e afirman que xa senten a "morriña", e iso que aínda non se foron.

Javi e Sonia, dous andaluces namorados de Galicia que viven coidando os animaliños dunha casa de Chantada na que non pagan aluguer
Javi e Sonia, dous andaluces namorados de Galicia que viven coidando os animaliños dunha casa de Chantada na que non pagan aluguer | Fonte: Tik Tok

Javi e Sonia levan xuntos dende o instituto, fai máis de 11 anos. Sempre lles gustou viaxar. "Comezamos a facelo a pequena escala cando eramos mozos, pasando un fin de semana en Granada, outro en Madrid, en Lisboa...", explica Javi. Con todo, "segundo iamos viaxando ían aumentando as ganas de seguir viaxando, así que fai un par de anos mercamos unha Opel Zafira e fixemos un moble para poder durmir dentro e ir por aí". A nivel de grandes viaxes, o máis lonxano que realizaron foi o de noivos, pois casáronse en setembro do pasado ano e fai un par de meses que chegaron de visitar Estados Unidos e Colombia. Javi confesa ao GC que "antes desa viaxe viñamos dunha crise existencial bastante grande, non sei se pola idade, pola sociedade ou pola forma de vida imposta, pero o certo é que non nos estaban cadrando as cousas". Pola contra, "agora si vivimos como nos gusta, despois de cambiar de vida".

"EN TRUSTED HOUSESITTERS APLICAS A UNHA CASA COMO SE ESTIVESES APLICANDO A UN TRABALLO, TES QUE BOTAR UN CURRÍCULO E TEÑEN QUE ACEPTARCHE"

Pero a cousa non foi sinxela nin rápida. Sonia sempre se mantivo informada polas redes de opcións para poder mudar o seu xeito de vida, vendo vídeos, aplicacións... Ata que atoparon Trusted Housesitters. "Vimos que era todo completamente legal e formal e moi amplo en canto a opcións e dixemos: será para nós? E, efectivamente, éo", confesa Sonia. De feito, animan a todo o mundo a rexistrarse para botarlle unha ollada de xeito gratuíto e, para quen lle interese entrar máis en fondura, teñen un código de desconto (RAF783833). Nesa aplicación, como explica, "aplicas a casas como se estiveses aplicando a un traballo, como se tiveses que botar un currículo, tes que traballarte moito o perfil e ter unha fiabilidade para que as familias ao verche queiran aceptarche na súa casa como coidador do seu fogar ou das súas mascotas". A aplicación ten unha opción de membresía, pero tamén ten unha parte gratuíta. Como apunta Javi, "é unha app internacional, pero podes poñer filtros, como o tempo que queres estar na casa, o tipo de animais que podes coidar, se prefires que estea na montaña ou na cidade, se precisas que teña Internet...". 

No caso desta parella, buscaban estar mínimo 6 meses na casa en cuestión, "porque estabamos deixando todo atrás, toda a nosa vida: o noso piso de aluguer, o traballo, a familia, os amigos...". Sonia afirma que a súa pretensión era "vivir viaxando de casa en casa". Agora mesmo asegura que están aforrando todo o que son os gastos fixos que ten unha vivenda: "Non pagamos aluguer, nin luz, nin auga, e tampouco a nós nos pagan nada por coidar da casa, é como un intercambio", e engade que "é unha maneira moi guai de viaxar e de poder coñecer máis sitios". Javier tamén indica que "a aplicación prioriza sempre que esteas dispoñible para coidar mascotas, porque nace coa finalidade de que se alguén se vai de viaxe e non ten con quen deixalas, non teña que deixalas soas nin nun refuxio enxauladas, senón que convidando a alguén á súa casa poida encargarse de coidar da casa e das mascotas e así a persoa poida marchar tranquila". 

"ESTIVEMOS EN GALICIA FAI 5 ANOS E QUEDAMOS NAMORADOS DO NORTE, PERO NUNCA IMAXINAMOS QUE O DESTINO NOS VOLVESE TRAER AQUÍ"

Dependendo dos filtros que lle metas á aplicación atopar casa é máis ou menos doado. Para Javi e Sonia non foi sinxelo porque había poucas casas que estivesen dispoñibles por 6 meses. "Sempre había opción para datas máis curtas, como cinco ou seis días, e moitas das opcións maioritarias sempre saen en Estados Unidos, Reino Unido ou Australia", afirma Javi. Ademais, "tamén é difícil que a xente confíe 100 % en ti como para deixarte vivir na súa casa se non tes un bo perfil, sinceiro e honesto, con fotos...". Así que, cando lles saiu a opción da casiña en Chantada, nin o pensaron. Sonia conta que "xa estivemos en Galicia fai uns 5 anos nunha miniviaxe por A Coruña, Finisterre e Santiago e quedamos namorados do norte, queriamos virnos vivir aquí, pero nunca imaxinamos que o destino nos volvese traer aquí cinco anos despois". Agora "estamos encantados, a casa é moi bonita e a familia encantadora, aínda non o podemos crer despois dun mes xa instalados", confesa Sonia.

Ademais, tamén nos contan que os animais dos que teñen que coidar nin sequera dan moito traballo, porque "tanto os gatos como a cadeliña, ao estar nun ambiente rural, teñen 100 % de liberdade para entrar e saír da casa cando queiran, así que coidalos é moi doado, só hai que preocuparse por botarlles a comida pola mañá e que estean ben, logo eles marchan polo día a percorrer a aldea e a saudar aos veciños e volven pola noite para que lles deas de novo de comer e durmir", explica Sonia. Iso si, pasan todo o tempo que poden con eles, porque para iso están nesa casa, para coidar dos animaliños. E no caso das galiñas, aseguran que é unha bendición telas porque "tes ovos frescos todos os días, o que supón un gran aforro para nós porque consumimos moitos ovos e sempre tiñamos que gastar catro ou cinco euros por ducia".

"TODOS OS VECIÑOS NOS DAN LEITUGA, CENORIAS, CEBOLAS E XA NOS DIN QUE CANDO SE NOS ACABEN VOLVAMOS POR MÁIS"

E, como en toda aldea galega que se precie, o intercambio é cousa do día a día. Se un veciño ten pementos e o outro leituga, un dálle ao outro. Javi cóntanos a anécdota de que "o outro día saímos dar un paseo e gravámolo porque senón a xente logo non nos cre, pero a veciña xa nos daba leituga, logo outra veciña unhas cenorias, tamén cebolas, e xa nos dicían que cando se nos acabasen que volvésemos por máis". Sonia asegura que, ao final, "todos os veciños son persoas maiores que están sempre por aquí, que levan aquí toda a vida e que se alegran de ver caras novas, polo que nos acolleron moi ben, queren que salamos todos os días a saudalos e o día que non saímos xa nos preguntan por que". Para esta parella adaptarse á vida rural chegando da cidade non foi nada complicado, todo o contrario, "isto é todo o que estabamos desexando ter, porque a tranquilidade, o aire que se respira aquí, a natureza... É o que levabamos buscando toda a vida".

Iso si, o que notan máis diferente é o clima, sobre todo con este verán tan atípico que estamos tendo en Galicia no que veñen dous días de calor pero o resto fai frío ou chove. Sonia confesa que si é certo que notan que fai "fresquiño", pero "aínda que sexa un verán atípico para a xente de Galicia e esta precise xa de sol despois dun inverno de moita chuvia, nós agradecemos este tempo moito, porque vimos de estar a 40 graos en Sevilla dende maio". Javi asegura que "cando falamos cos amigos e a familia e nos din que eles alí están a entre 35 e 40 graos todos os días xa lles dicimos que mellor non lles metemos envexa coa temperatura á que estamos nós aquí". De feito, chancean con que preto de onde viven agora hai unha piscina municipal, "pero non creo nin que cheguemos a usala".

"NESTA ALDEA HABERÁ 5 VECIÑOS QUE VEMOS TODOS OS DÍAS, CANDO HAI UNHAS 20 CASAS; NO RURAL HAI CASAS GRANDES A BO PREZO QUE NINGUÉN QUERE"

Outra das cousas que lles impactou moito foi atoparse fronte a fronte coa despoboación, coa España baleirada. "Puidemos comprobar que é un problema moi real", asegura Javi, que explica que na zona onde viven "hai moitas casas cun bo tamaño a moi bo prezo". Dende o seu punto de vista, "a despoboación nace desa necesidade de telo todo preto e accesible, porque a maioría da xente non quere vivir lonxe dun supermercado, por exemplo". Cousa que eles solucionan tan sinxelamente como "facer unha compra un pouco máis grande ou conxelar as cousas". Javi incide en que "nas cidades hai unha necesidade moi grande de baixada dos prezos dos alugueres e aquí hai casas a moi bos prezos con tamaños impresionantes que non quere ninguén".

Ao respecto Sonia explica que en total "haberá nesta aldea catro ou cinco veciños que son os que vemos todos os días, cando hai entre 15 e 20 casas, das cales só un terzo están ocupadas". "Cando chegamos os veciños explicáronnos que antes había moita máis xente na aldea, porque eran 18 familias, pero que entre os que foron falecendo e os fillos que se marcharon a vivir á cidade, só quedan eles, catro gatos, o cal nos parece unha verdadeira mágoa", lamenta Sonia, que asegura que "para a xente moza vivir nunha aldea coma esta hoxe por hoxe é un impacto". Pero non para eles, que se amosan "encantados de poder gozar das marabillas deste lugar e tamén dos seus veciños". Recibíronos tan ben que xa non queren que marchen e xa lles din se lles gusta algunha casa para preguntar polo prezo e que se queden a vivir alí.

"VIÑÉMONOS CUN COLCHONCIÑO E AGORA ESTAMOS TRABALLANDO COMO 'FREELANCERS', PERO GASTAMOS MOITO MENOS QUE NA CIDADE"

E de que viven Javi e Sonia? Pois explican ao GC que "agora mesmo teletraballamos, pero aos poucos, como 'freelancers'". "Nós viñemos xa cun colchonciño para poder pasar uns primeiros meses de adaptación e ver como era esto, como nos ía saíndo o traballo 'online' e poder estar resgardados por se pasaba algo durante o noso cambio de vida", conta Sonia, que explica que "cando nos plantexamos o do cambio de vida xa comezamos a aforrar". De feito, se alguén quere facer o mesmo ca eles, "sempre recomendamos ter un colchonciño mínimo para uns cantos meses, non partir de cero". O que si confesa Javi é que "agora mesmo os nosos gastos son moito menores que na cidade, porque en Sevilla facíannos falta mínimo mil e pico euros ao mes entre aluguer, luz, auga, coches... Mentres que agora con botar gasoil ao coche e saír un par de veces á semana mercar imos sobrados". 

Iso si, notaron que os prezos do supermercado son máis elevados aquí que na súa terra natal, porque "alí había cadenas 'low cost' como Family Cash ou Supeco e aquí os supermercados que nos quedan máis preto son Gadis e Eroski, onde os prezos, ao non tratarse de almacéns ao por maior, si son máis elevados". Con todo, aseguran que igualmente vivir no rural compensa, porque "tampouco tes esa opción á que moita xente está acostumada na cidade de ir almorzar sempre fóra, o que supón un aforro duns 70 euros mensuais". Tampouco pagan polos ovos nin as froitas frescas, que lle aportan as súas propias galiñas ou os veciños. Sonia pon o exemplo de que "cando chegue setembro sabemos que imos ter un bo saco de patacas, porque o veciño as está plantando agora e díxonos que pode sacar uns mil quilos fácil". Iso é algo que tamén lles chamou a atención a estes mozos, "o fértil e verde que é Galicia grazas ao seu clima e á choiva".

"GUSTOUNOS MOITO O RESPECTUOSOS QUE SON AQUÍ CO SEU PATRIMONIO, COMO COMBINAN O ANTIGO CO MODERNO EN VEZ DE DESTRUÍLO PARA FACER O NOVO"

Outra das cousas que máis lles gustou de Galicia foi "o respetuosos que son os galegos co seu patrimonio". Javi está namorado de toda a arquitectura medieval e romana que se conserva nas pequenas vilas galegas. "Respectaron o antigo á vez que o combinaron co moderno, en lugar de destruír o antigo para construír o novo, que é ao que nós estabamos acostumados", conta. Tras visitar Celanova, Allariz e O Carballiño puideron comprobar que "se conservan os empedrados antigos e que hai casas antigas que se reformaron mantendo a estética orixinal". Sen ir máis lonxe, é o caso da casa na que viven agora, onde "o que agora é a cociña antes era un pallar e agora convertiuse nunha casa preciosa, na que tamén se respectou a fachada e o campo". Sonia asegura que "cando nos enteramos de que os hórreos son patrimonio protexido quedamos marabillados, porque nos parece moi bonito que se respecte tanto a historia da terra e a súa cultura". 

Agora, tras un mes en Galicia, o que están intentando é aprender un pouquiño de galego, porque tamén lles encanta o idioma. Así, van subindo vídeos curtiños a redes nos que contan as palabras e os ditos que van aprendendo. Javi confesa que "ao comezo tiñamos un pouco de medo, porque só sabiamos as tres cousas típicas que nos ensinaran e non queriamos que parecese que estabamos faltando ao respecto á xente", pero a acollida foi marabillosa. Como conta Sonia, "ata nos dixeron que xa falamos máis galego que moitos galegos". Os veciños tamén lles están axudando bastante nisto, porque "ao ser xente maior moitos deles falan moi pouquiño castelán e o galego que falan é moito máis pechado e difícil de entender, ao igual que acontece en Andalucía, onde a xente maior fala tan para dentro que é difícil entendelos". O que nos aseguran é que eles seguirán aprendendo frases e subindo vídeos coas novas palabras que aprendan. E é que "somos dous andaluces namorados de Galicia, da súa paisaxe, da súa xente e do seu idioma", confesan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta