Axudas para a destilación de crise e un plan contra a erosión de vides na Ribeira Sacra

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que "é certo" que existe unha caída "xeral" do consumo de viño que "non é igual en todas as zonas" e que require que as administracións "boten unha man".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 02/09/2024 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

A Xunta aprobou a posta en marcha dun plan dotado con 2 millóns de euros para desenvolver accións contra a erosión das vides na Ribeira Sacra e prepara unha orde de subvencións para financiar a denominada "destilación de crise", unha ferramenta para compensar a oferta e a demanda en situacións de crises de prezos.

Esta última medida, que será publicada "nas próximas semanas" no Diario Oficial de Galicia (DOG), conta cun orzamento inicial de medio millón de euros ampliable ata os 2,4 millóns, tope fixado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Galicia solicitou a pasada primavera xunto a outras comunidades autónomas ao ministerio a autorización para empregar esta medida excepcional que outorga marxe ás adegas para xestionar o seu excedente, vinculado ao descenso no consumo de viño, fundamentalmente, o tinto.

Neste sentido, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que "é certo" que existe unha caída "xeral" do consumo de viño que "non é igual en todas as zonas" e que require que as administracións "boten unha man", aínda que instou ao sector vitivinícola a levar a cabo "unha reflexión seria" sobre as "novas tendencias de mercado" para "seguir colocando un produto excelente" como o que producen as cinco denominacións de orixe galegas.

Ante os problemas de cara a esta campaña de vendima denunciados polos produtores de uva da Ribeira Sacra, a Xunta tamén lembrou que "só o 28 %" dos viticultores da zona que reciben axudas da Política Agraria Común (PAC) solicitan os apoios contemplados para o ecorréxime de cultivo leñoso en terreos con pendente.

Por iso, a Consellería do Medio Rural levará a cabo un reforzo da promoción desta liña da PAC que pode reportar ata 570 euros por hectárea para cada viticultor que a solicite. Así mesmo, tamén sairán nas próximas semanas as subvencións canalizadas a través do Igape para que os bodegueiros poidan acceder a préstamos para a recolección de uva.

PLAN CONTRA A EROSIÓN

Pola súa banda, o plan contra a erosión na Ribeira Sacra, que será publicado no DOG a finais de setembro, contempla concesión de axudas para, por unha banda, o cultivo de bancais con muros de pedra e que realizan o traballo de maneira non mecanizada e, por outra, os cultipos de viñedos sen bancais ou mediante o uso de máquinas.

Unhas 700 das 1.300 hectáreas inscritas na denominación de orixe Ribeira Sacra entrarían dentro do primeiro sistema, para o que se reserva un orzamento de 1,4 millóns de euros; mentres que o segundo tipo abarcaría 600 hectáras para as que hai prevista unha partida de 600.000 euros.

Vendima na Ribeira Sacra
Vendima na Ribeira Sacra | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta