Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 29/10/2024 | Actualizada ás 22:00
A festividade do Samaín é algo que en Galicia debería celebrarse con orgullo. Orgullo de contar coas nosas propias tradicións ancestrais, aquelas que nos confiren unha identidade diferenciada do resto do mundo, que nos unen como pobo e que nos lembran aos nosos antergos. Sen embargo, nos últimos anos, lonxe de loitar pola preservación do Samaín e por recuperar rituais típicos destas datas, a festa foise deturpando máis e máis. A irrupción con forza do Halloween estadounidense, cos seus 'atractivos' seres paranormais (pantasmas, xinetes sen cabeza, asasinos con deformacións ou nenas diabólicas, entre moitos outros), fixo que as tradicións galegas da Noite de Defuntos se fosen substituíndo e reemprazando por outras que nada, ou case nada, teñen que ver co que orixinalmente era o noso Samaín, de orixe celta. Dende o Galicia Confidencial falamos coa perito xudicial en Arqueoloxía especializada en cultura celta África Castañeda desta perda acelerada de identidade e da necesidade da súa recuperación.
Así, en primeiro lugar, a historiadora xa nos matiza que "realmente non se sabe cales son as orixes do Samaín como tal". A teoría máis aceptada é a de que "se trataba dunha festa que marcaba a fin das colleitas". E é que, como explica, "o calendario celta dividíase en dúas partes: estaba a metade escura, que comezaba no mes de 'samonio', o equivalente aos nosos meses de outubro e novembro; e a metade clara, o 'dianmonio', que comezaba a partir dos nosos meses de abril e maio". Deste xeito, os meses dos celtas non tiñan unha correspondencia directa cos nosos meses actuais, e "estaban marcados pola lúa chea, que era a que sempre daba o comezo a un novo mes". Esas lúas marcaban tamén cada unha das dúas metades do ano, momentos nos que se celebraban grandes festividades: catro festividades menores e catro festividades maiores, sendo o Samaín unha delas. Isto fai que "as datas nas que se celebraba Samaín no pasado non teñan unha correspondencia directa co actual 31 de outubro, porque ao mellor, para os celtas, e debido ao avance das lunacións, o Samaín xa tería pasado ou aínda non tería chegado".
TRADICIÓNS PROPIAS DO SAMAÍN: O BAILE ARREDOR DA FOGUEIRA E A TALLA DE CABAZAS, ORIXINALMENTE NABOS
Como se acordou entón a data do 31 de outubro para celebralo nos tempos actuais? Pois como explica Castañeda, habería que remontarse ata o século IX, sendo esta a primeira data na que aparece documentado, cando "o Papa Gregorio IV decidiu cristianizar a cerimonia pagana e marcou unha data exacta á que deu en chamar Todos os Santos". Non descubriu nin inventou nada, senón que reemprazou o nome dunha festa que xa existía en tempos celtas como Samaín para adaptala aos desexos da Igrexa. Aínda con todo, naquela época, si se conservaban tradicións tomadas directamente da festividade orixinal, aínda que algo modificadas, algo que, afortunadamente, chegou ata os nosos tempos nalgunhas zonas de Galicia e tamén de Irlanda.
Unha delas era o saír esa noite bailar ao redor dunha fogueira ou a talla de cabazas. Se ben esta última tradición se modificou polas circunstancias dunha época marcada pola fame: "No século XIX, Irlanda estaba sufrindo unha importante crise alimentaria, que obrigou á xente a buscar o sustento emigrando aos Estados Unidos e levando consigo as súas tradicións; e, unha delas, era precisamente o Samaín", explica a especialista en cultura celta, que engade que, "unha vez nos Estados Unidos, viron que non se daban os nabos que eles tallaban en Irlanda, pero si había cabazas en abundancia, polo que se adaptaron a tallalas".
TRADICIÓNS DETURPADAS: O JACK O'LANTERN E O 'TRUCO OU TRATO'
Pouco a pouco, sen embargo, esa talla de cabazas tamén se foi deturpando ata chegar ao que hoxe coñecemos: o Jack o'lantern, a cabaza con cara diabólica que ten dentro unha vela alumeando pola noite. Castañeda apunta a que "esta popularizouse moito". En concreto, suxírese que o seu nome tería vínculos coa lenda irlandesa de Jack O Rañas, un borracho que negociou con Satanás e por iso quedou condenado a vagar pola Terra con só un nabo oco para introducir unha luz que iluminase o seu camiño. Esta tradición, tan asumida polo Halloween estadounidense, non naceu como tal nos Estados Unidos, senón que foi levada polos propios inmigrantes irlandeses, que tallaban os nabos. Hoxe por hoxe o de tallar cabazas si se segue facendo, "pero perdeuse o dos nabos" e tamén "o costume de poñelos nas ventás e nas portas para espantar aos malos espíritos". "Antes era moi habitual durante a Noite de Defuntos deixar as colleitas nas portas e ventás das casas e marchar bailar á fogueira", explica a especialista en cultura celta.
Co traballo xa feito, era cando a xente podía marchar tranquila da casa e sumarse aos bailes arredor da fogueira. E aínda que hoxe en día o campo galego está morrendo, despoboado en moitos lugares e sen xente que o colleite, Castañeda explica que "para recuperar a tradición non tería por que facerse con colleita propia, serviría con mercar unha mazá ou algo semellante nun supermercado, o importante é deixar algo para os defuntos". Por outra banda, e aínda que pouca xente o sabe, o dito de 'truco ou trato' que empregan agora os nenos cando celebran Halloween para ir pedindo caramelos polas casas tamén ten a súa orixe no Samaín celta: "Utilizábase para manter aos espíritos contentos e alonxar aos seres malvados, de tal maneira que a xente cando vía un alimento que lle gustaba na porta ou na ventá dunha casa, collíao e deixaba outra cousa no seu lugar, como un intercambio".
FIGURAS TRADICIONAIS DO SAMAÍN CELTA: AS 'BANSHEES' IRLANDESAS, A SANTA COMPAÑA GALEGA OU O 'GELERT' GALÉS, TODAS PRESAXIOS DE MORTE
A deturpación da festa na actualidade é tal que a especialista en cultura celta non sabería dicir se conseguirá recuperarse e manterse no tempo, aínda que desexaría que así fose. "Se se trata de recuperar a celebración tirando máis para o Halloween que para o Samaín, probablemente se remate perdendo", lamenta. Ademais, considera que mesmo os propios concellos perderon o interese pola recuperación desta tradición, xa que asegura que "eu mesma me teño ofrecido para dar charlas sobre esta parte máis ancestral do Samaín e vexo que non lles interesa, porque creo que non lle ven futuro". Así as cousas, a día de hoxe a especialista en cultura celta confesa que "os únicos recunchos do que antigamente era o mundo celta onde se conserva esa parte máis ancestral do Samaín serían Galicia, Escocia e Irlanda". Nestes dous últimos lugares, a diferenza do que acontece en Galicia, si se fan grandes festivais, nos que se sacan pasear diferentes seres mitolóxicos e deuses "como unha maneira de lembrar que na noite do Samaín o veo entre o mundo dos vivos e o mundo dos mortos está moi fino, polo que os mortos están convidados a pasar esa noite cos seus seres queridos aquí no mundo dos vivos". Agora ben, eses seres non sempre eran bos, pois tamén había outros que traspasaban o veo para causar o mal e traer a morte aos vivos.
Ese era o caso das 'banshees' irlandesas, o equivalente ao que sería a Santa Compaña galega ou ao 'gelert' galés (un can que anuncia a morte), "mulleres con longos vestidos brancos e cabelos negros, con ollos ensangrentados e longas uñas, que se facían pasar por mozas lavandeiras, anciáns indefensas ou calquera tipo de identidade, para ir percorrendo as rúas principais da cidade de Dublín anunciando a morte dalguén". Dicíase que "cada unha das cinco familias máis importantes de Irlanda tiña unha 'banshee' asociada que, cando se lle aparecía a algún dos membros, estáballe indicando que el mesmo ou alguén da familia moi próximo ía morrer". Máis aló das 'banshees', o Samaín tamén era unha festividade que gardaba moita relación con certos animais, como o corvo, "o anunciador dunha morte, moi relacionado coa deusa Morrigan, a deusa celta da morte e a destrución"; ou a lebre, "propia da maxia irlandesa e moi relacionada coa deusa do lume, Brigit", vinculada a esas grandes fogueiras que se realizaban durante o Samaín en moitas zonas de Irlanda e de Escocia.
OS ROMANOS CRISTIANIZARON O SAMAÍN PARA ADAPTALO AOS SEUS TEMPOS, HOXE, DIRECTAMENTE, O HALLOWEEN CONVERTE EN PARODIA ESTA FESTIVIDADE
O Samaín celta non permaneceu, como xa dixemos, invariable ao longo do tempo, senón que se foi adaptando e asimilando polas diferentes culturas. Un dos pobos que adoptou parte das tradicións e festividades propias desta data foron os romanos, de tal maneira que, en certos lugares do Imperio, durante o que era Samaín celta, non se rendía culto a deusas como Morrigan ou Brigit, senón que se adoraba á deusa romana Pomona, a deusa das colleitas, porque "cando os romanos conquistaron todo o territorio céltico, o que fixeron foi sacar das tradicións todas as compoñentes paganas e cristianizalas, polo que lles engadiron os elementos que eles consideraron convenientes para os seus intereses", explica Castañeda, que lamenta que, neses tempos, "o Samaín era unha celebración que estaba moi mal vista e considerada de grandes herexes".
Lonxe de todo o comentado, hoxe en día o que se impuxo na festa da Noite de Defuntos non é unha adaptación do Samaín, senón directamente, unha parodia, centrada no disfrazarse de todo tipo de cousas, dende pantasmas ata 'zombies' pasando por asasinos, para saír asustar á xente ou, no mellor dos casos, a tallar cabazas e pedir caramelos. Algo que, para Castañeda, é unha auténtica aberración "sen ningún fundamento", porque "aquí xa chegou un punto no que mesturamos absolutamente todas as culturas, todo aquilo que nos dá medo e que vemos nas películas". Orixinalmente, aínda que os celtas tamén empregaban máscaras durante a festividade, non era porque fosen disfrazados, senón que "eran máscaras que se fabricaban con madeira e ás que lle pegaban follas como unha forma de conexión coa natureza", mentres que "agora mesmo pódeste disfrazar o mesmo de demo que de Catrina mexicana que de asasino", lamenta a especialista en cultura celta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.