Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/11/2024 | Actualizada ás 19:35
As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e adultos, de xeito visual, as máscaras e roupas que protagonizan as 'Mascaradas de Inverno' en Galiza. Trátase dunha guía práctica onde obter información sobre estes rituais coa intención de "difundir o coñecemento e colaborar coa difusión e conservación da nosa identidade".
O libro "Entruidos e Mascaradas na Galicia" é froito dunha experiencia previa. En 2017, a Escola de Ensino Galego Semente Compostela publicou un libro en formato dun caderno de campo que combinaba debuxos e actividades dirixidas principalmente ao público infantil.
Agora, este novo libro duplicará o número de máscaras, ata chegar ás 146 distribuídas en 122 debuxos e converténdose así na maior guía visual das máscaras do país.
O LIBRO-GUÍA
O libro destaca pola súa calidade, impreso en offset con tapa dura e un tamaño de 21x27. As imaxes van acompañadas dunha breve explicación das súas accións, da súa localización e explicacións que fan referencia tanto a xeneralidade do tradicional ciclo festivo do inverno galego como a maáscaras máis locais e concretas. Ademais, conta cun limiar escrito polo construtor de máscaras de Matamá, Paco Diéguez, e a facilitarase a localización nun mapa.
En palabras dos promotores, "este proxecto pretende fomentar o coñecemento dunha parte importante do noso patrimonio cultural a través dun novo material creado para os nosos colexios e para todos aqueles nenos, adultos e entidades que queiran descubrir dun xeito amplo e divertido aspectos moi variados do Ciclo Festivo Tradicional e das Mascaradas de Inverno".
Para financiar este libro creouse unha conta na plataforma Verkami.com onde durante 40 días pódese reservar o libro e obter recompensas exclusivas desta campaña.
ESCOLAS DE ENSINO GALEGO SEMENTE
As Escolas de Ensino Galego Semente son unha entidade social amplamente coñecida en Galicia que pretende conformar, xunto con outros proxectos similares, as bases necesarias para a creación da Escola Nacional Galega e ten creado material de calidade moi variado coa intención de difundir aspectos da nosa historia e cultura e mellorar a realidade do noso contexto social. O equipo que traballa ao redor deste proxecto está formado por persoas da extensa comunidade que conforman os seus centros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.