Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 02/03/2025 | Actualizada ás 21:50
As escolas unitarias foron, durante décadas, un piar fundamental na educación rural galega. Estas pequenas aulas, nas que un só mestre ensina aos nenos de diferentes idades, non só garantizan o acceso á educación en aldeas e parroquias apartadas das vilas máis céntricas, senón que desempeñan un papel clave na vida comunitaria. Nelas, o mestre ou a mestra convértese practicamente nun proxenitor máis dos nenos ao seu cargo e goza dunha relación moi próxima coas familias, sendo coñecido por todas elas. Sen embargo, o progresivo descenso da poboación rural e os cambios no sistema educativo, entre outros motivos, levaron á súa completa desaparición en moitas zonas do territorio galego. Na provincia de Lugo xa non queda ningunha escola unitaria, mentres que as poucas que seguen abertas tratan de sobrevivir cada ano nun limbo repartidas maioritariamente entre as provincias da Coruña e Pontevedra, vendo se terán o número de nenos suficiente o seguinte curso para que a Consellería de Educación non decida pechalas. Dende Galicia Confidencial falamos con Patricia, mestra da escola unitaria de Rubiós, no concello pontevedrés das Neves, que reivindica o impacto tan positivo que estas escolas teñen na sociedade galega e denuncia a insostible situación que atravesan na actualidade, moi esquecidas pola Administración.
A EEI de Rubiós é unha das dúas que resisten abertas nas Neves, xunto á EEI de Taboexa, coa que xa falamos dende o Galicia Confidencial. Este curso conta con 13 alumnos, de maneira que Patricia celebra que, "aínda dentro do mal común que teñen todas as unitarias, non somos das que peor estamos". Cal é o problema principal? Como sinala, "que todos os anos temos que tratar de conseguir novas matrículas, porque senón chegará un ano no que, se che marcha unha tandada de nenos e nenas moi grande, non teñas cubertas as prazas suficientes como para seguir aberta". Así, aínda que na actualidade non ten queixa, esta mestra xa vive con temor pensando no futuro, pois asegura que "dentro de 3 anos váiseme un grupo moi grande, de 6 nenos e nenas, e non sei como daremos recuperado as cifras de matriculacións actuais". Todos os anos intentamos atraer ás familias a esta escola, pero a verdade é que non é nada doado". Entre os motivos que dificultan aínda máis a situación, apunta á baixa natalidade e á falta de servizos que faciliten a conciliación familiar nas escolas unitarias.
Patricia leva 5 anos dando clase na escola unitaria de Rubiós, e asegura que "despois de que se arranxou o colexio e se cambiou de metodoloxía a matrícula aumentou", pero "este ano estamos coas xornadas de portas abertas e noto que hai un descenso moi grande, ata o punto de que só recibín a visita de dúas familias interesadas en matricular aos seus nenos aquí". Ademais, sinala outra das reivindicacións continuas dos proxenitores que moitas veces os leva a non matricular aos fillos en unitarias: a estabilidade do profesorado. "Antes de chegar eu ao posto, as familias comentáronme que cada ano había profesores novos, e iso non lles gustaba, porque querían a alguén fixo que puidese acompañar aos seus fillos ao longo de toda a etapa infantil ou, alo menos, gran parte dela", explica Patricia.
"NA MIÑA ESCOLA TEÑO POUCOS NENOS DE RUBIÓS, MOITOS CHEGAN DOUTRAS PARROQUIAS E CONCELLOS VECIÑOS, CO ESFORZO QUE ISO SUPÓN PARA OS PAIS"
No tocante á falta de servizos, esta mestra amósase consciente do difícil que lle pon isto as cousas a moitas familias. "Hai moitos pais e nais ás que lles gustaría ter aos seus fillos en escolas unitarias, porque lles gusta a nosa metodoloxía, pero resúltalles imposible conciliar", lamenta. "Non temos transporte, nin comedor... E eses son servizos que moitas familias precisan". Así, Patricia está convencida de que, se as unitarias gozasen dos mesmos servizos que os grandes centros, este modelo educativo non estaría en declive, porque "teríamos moitísimos máis nenos e atraeriamos a moitos dos que a día de hoxe se atopan matriculados en escolas grandes, porque realmente vexo que a moitos pais non lles quedou máis remedio que inscribir aos fillos en centros grandes e non nas unitarias por ter acceso a servizos de conciliación". Agora ben, para facer isto posible a pelota está no tellado da Consellería de Educación, que é a que ten as competencias para dotar destes servizos ás escolas do rural, tamén como unha aposta decidida por frear o despoboamento nestas zonas.
E é que, de haber a posibilidade de ter acceso a unha escola con comedor e transporte, quizáis moitos proxenitores non pensarían na idea de mudarse ás vilas máis grandes ou ás cidades. De feito, Patricia conta que "na miña escola nenos de Rubiós como tal teño moi poucos, a maioría son do concello das Neves, pero chegan doutras parroquias, e os pais fan un esforzo para traelos a esta escola a propósito porque lles gusta a metodoloxía". Ademais, lembra que "fai dous anos mesmo tiña nenos chegados dende Salvaterra e Ponteareas". Con todo, asegura que "eses pais facían uns esforzos enormes porque estaban convencidos de que querían que o modelo educativo das escolas unitarias fose o que tivesen os seus fillos". Lamentablemente, e aínda que non quere ser pesimista, esta mestra cre que "seguirán pechando unitarias ano tras ano", pois critica que "a Administración tampouco nos apoia, semella que para eles só somos números, e números que lles supoñen moito gasto", de xeito que, "a pesar de que me dá moita pena, creo que este modelo se vai acabar se non cambian moito as cousas a futuro".
"NA ESCOLA UNITARIA CRÉASE UN GRAN AMBIENTE FAMILIAR, ABERTO Á CONTORNA E Á NATUREZA; OS NENOS APRENDEN DIVERTÍNDOSE"
Entre as vantaxes coas que xoga esta mestra atópase o emprego de metodoloxías educativas máis activas e vivas que as que se poden atopar nos centros máis grandes. "Eu non me centro nunha metodoloxía de ensino concreta, senón que vou collendo cousas de diferentes metodoloxías que me encaixan", afirma, e apunta que nas súas clases "os nenos aprenden a través do xogo, sen necesidade de fichas". Así mesmo, tamén lle dá moita importancia á conexión coa natureza, no senso de que "a escola unitaria está aberta á comunidade: en setembro imos vendimar, en outono fomos recoller millo nas leiras duns veciños e logo levámolo ao muíño para moer, e así sucesivamente ao longo do ano". Este tipo de actividades "resultan máis divertidas para os nenos e axúdanlles a manterse conectados coa terra". Deste xeito, "créase un gran ambiente familiar, aberto á contorna e á natureza, cunha ensinanza moito máis personalizada e respectuosa, e na que os nenos aprenden divertíndose, que, dende o meu punto de vista, é o esencial, sobre todo na etapa infantil, onde os nenos deberían estar sempre activos, non sentados nunha cadeira".
Por outra banda, ao haber unha mesma mestra para atender a un grupo pequeno de nenos, créase con eles unha relación moi especial, ao igual que coas familias. "Somos coma unha pequena familia, xa non só eu e os nenos, senón tamén as familias, que sempre están aí para apoiarme", confesa a mestra da EEI Rubiós, que se amosa orgullosa de poder dicir que "remamos todos nunha mesma dirección". Esa relación que se crea entre mestra, nenos e familias é tan fermosa e forte que, unha vez os pequenos completan a súa etapa educativa na escola e teñen que marchar para outro centro, o contacto non se perde. "Todos os anos facemos a finais de curso unha xornada de convivencia para que poidan volver ao colexio e o contacto coas familias nunca o perdo, proque ao final aquí cada neno pasa tres anos, pero hai moitas familias que teñen máis dun fillo e, ao ano seguinte, entra outro neno que pasa aquí tres anos máis", conta Patricia.
"EU CREO QUE DEBERIAMOS SER DÚAS MESTRAS NAS UNITARIAS, XA NON SÓ POLA CARGA BUROCRÁTICA, SENÓN POR SE LLE PASA ALGO A UNHA"
Agora ben, a pesar de todo o positivo que ten traballar nunha escola unitaria, Patricia recoñece que, para facelo a día de hoxe, "tenche que gustar", porque "ao final estás soa para todo, toda a burocracia que noutro colexio se repartiría entre varios mestres tes que facela soa e moitas veces non che dán as horas de traballo e tes que botar máis". No seu caso, aínda que asegura que lle encanta o seu traballo, tamén confesa que "rematei nas Neves porque eu son de Ourense e buscaba un centro que me quedase preto". Por iso, para poder facer atractivas as unitarias de cara á nova fornada de profesores, esta mestra cre que o primeiro que habería que cambiar é o feito de que á fronte destas escolas estivese unha única persoa. "Eu creo que deberíamos traballar dúas persoas, xa non só pola carga burocrática, senón porque así ante calquera incidencia ou imprevisto que poida ter o docente, habería outra persoa no centro e sería máis fácil e rápido xestionala".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.