Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 08/03/2025 | Actualizada ás 14:00
As espontáneas ou as mulleres espontaneadas eran aquelas que, ao quedar embarazadas fóra do matrimonio, víanse obrigadas a expoñerse publicamente na igrexa para recoñecer o seu estado ante a comunidade e evitar que, en caso de morte do seu fillo, as acusasen de aborto provocado ou infanticidio. Esta práctica, que perviviu dende o século XVIII ata o século XX, sempre se considerou que formaba parte dun ritual de penitencia e control social no que a muller debía asumir o seu embarazo en solteiría denigrándose publicamente. Estas mulleres, na súa maioría novas e sen recursos para protexer a súa reputación, dicíase que eran obrigadas a situarse nun lugar visible durante a misa mentres se facía referencia á súa condición. Con todo, investigacións máis recentes revelan unha visión máis matizada deste procedemento. Así, expoñen que, lonxe de ser un acto de humillación, o feito de espontanearse podía entenderse como un mecanismo de proteción e recoñecemento dentro da comunidade. De maneira que, para moitas destas mulleres, acudir publicamente á xustiza local non significaba necesariamente un xuízo social negativo, senón un xeito de formalizar a súa situación e, en moitos casos, de conseguir proteción lexislativa e social.
Con motivo da celebración do 8M, Día Internacional da Muller, Galicia Confidencial fala hoxe con Tamara González, investigadora da Universidade da Coruña (UDC) que nos abre a fiestra a unha nova mirada sobre as mulleres espontaneadas no pasado de Galicia. O primeiro matiz que convida a facer Tamara é o relativo á diferenza entre espontáneas e mulleres espontaneadas. Así, sinala que "espontánea é o nome que recibe o procedemento legal ou o acto de acudir ante a xustiza primaria ou ante un notario que facía a muller que estaba embarazada fóra do matrimonio, incluíndo aquí tanto mulleres solteiras como viúvas, pero tamén algunha casada que tiña ao marido ausente durante o seu embarazo". Estas mulleres "acudían ante a xustiza ou ante un notario para dicir que estaban embarazadas, e tiñan que facelo de maneira espontánea, non obrigadas por ninguén, de aí o nome de espontánea para definir este proceso". Nestes procedementos, "ademais de declarar que estaban embarazadas, tiñan que dar unha certa información sobre como quedaron embarazadas, para evitar que, posteriormente, se o neno falecía, xa fose en aborto ou despois do parto, lles acusasen de aborto intencionado ou infanticidio". Por outra banda, sinala que "espontaneada é como se denomina á muller que se espontanea".
"OS PRIMEIROS DOCUMENTOS SOBRE ESPONTÁNEAS DATAN DARREDOR DO 1700, CON NOTABLES DIFERENZAS ENTRE A GALICIA ATLÁNTICA E A GALICIA INTERIOR"
E a cando se remonta esta figura? González sinala que durante as súas investigacións o documento máis antigo que atopou no que se facía referencia ás espontáneas data darredor do ano 1700. Con todo, precisa que "temos que falar de dous momentos diferentes para a aparición desta figura na nosa terra, porque na Galicia Atlántica as taxas de fillos ilexítimos empezan a incrementarse na primeira metade do século XVIII, polo que as espontáneas empezan a aparecer con máis frecuencia; pola contra, na Galicia interior, as taxas de ilexitimidade empezan a aumentar a partir de 1780, polo que é a partir de entón cando aparecen máis casos de espontaneadas". E ata cando perviven no tempo? A investigadora confesa que, "aínda que non se sabe con exactitude", as investigacións que realizou amosan "unha caída moi drástica destes procedementos a partir do ano 1830 e 1840", de maneira que, "aínda que hai algún caso posterior, digamos que estes xa non gozan de tanta frecuencia como a que tiñan anteriormente". Ademais, hai que ter en conta que, aínda que esta figura non só é típica de Galicia --existindo con outros nomes en comunidades como o País Vasco e países como Portugal e Francia--, a maior incidencia a nivel peninsular da mesma si se deu en Galicia", tal e como confirman as fontes atopadas ata o de agora.
Fontes documentais en todos os casos que non resultan precisamente doadas de estudar. Os primeiros estudos arredor das espontáneas galegas xurdiron nos anos 90 e comezos dos 2000, da man de nomes como Serrana Rial e Ofelia Rey, que xa as mencionaban nas súas obras con mirada feminista, pero "realmente foi nos últimos dez anos cando as investigacións sobre estas mulleres con fillos fóra do matrimonio comezaron a ser máis frecuentes". Hai por exemplo estudos sobre a zona de Ourense de Miguel García-Fernández, sobre a zona da Coruña de Romero Masiá, e tamén sobre a zona da costa de José María Leal. Así, os documentos que falan da súa existencia están moi diversamente arquivados en función do concello. Deste xeito, González sinala que, por exemplo, "nalgúns arquivos municipais gárdanse as espontáneas todas xuntas facilitando así o acceso a elas, pero, noutros, como acontece en zonas do interior de Galicia como é o caso de Lugo, as espontáneas aparecen mesturadas con outros documentos relativos a testamentos, dotes e vendas de propiedades, o que fai a súa análise máis tediosa". Así as cousas, a investigadora da UDC considera que aínda queda moito por investigar sobre o asunto, porque, "por exemplo, a zona das Rías Baixas case non está traballada, a zona de Ourense estao só en lugares moi concretos e no norte de Lugo só hai investigacións na zona marítima e no interior hai máis carencias".
"HABÍA MOITAS MULLERES EMBARAZADAS QUE TIÑAN SOAS AOS SEUS FILLOS AÍNDA ESTANDO CASADAS PORQUE OS HOMES EMIGRARAN, AS VIÚVAS DE VIVOS"
Ademais, considera que é moi interesente estudar o caso das espontáneas en cada zona do territorio en concreto polas diferenzas que estes procedementos tiñan en zonas do interior en relación coas zonas de costa. Así, sinala que "na zona de Coruña, Ferrol e Caión adquire certa relevancia nestes procedementos a figura do fiador, mentres que no interior, no sur de Lugo, por exemplo, case non aparece esta figura". En última instancia o fiador era o responsable de estar atento no día a día a que a muller non fose facer nada en contra do embarazo. Tendo isto en conta, González considera que "aínda queda moito por explorar en relación a estas diferenzas territoriais, tratando de procurar tamén cal é a razón de existisen tales diferenzas", aínda que apunta a que "seguramente se debían a unha cuestión de distancia coas institucións principais nos casos da Galicia máis rural". Do mesmo xeito, tamén cómpre explorar o número de espontáneas que había en cada zona do territorio, pois no caso da Galicia Atlántica tamén se daba a circunstancia de que "había moitas máis mulleres embarazadas que tiñan soas aos seus fillos aínda estando casadas porque os seus homes emigraran, as coñecidas como viúvas de vivos".
Agora ben, como de frecuente era que as mulleres embarazadas fóra do matrimonio se sometesen a este tipo de lexitimación? Ao respecto, a investigadora da UDC sinala que, "aínda que non todas as mulleres embarazadas fóra do matrimonio se espontaneaban nin recorrían a este procedemento, si era relativamente frecuente que o fixesen". As que non recorrían a espontanearse era porque se trataba de "mulleres de familias con maior arraigo social que non tiñan tanto risco de ser acusadas de infanticidio ou de aborto no caso de que o neno falecese". Ademais, tamén existían os casos de "mulleres que eran levadas diante da xustiza obrigadas por unha especie de vixiante, unha figura que existía nalgunhas xustizas locais --o mapa da xustiza da época era totalmente distinto ao actual, con grandes xurisdicións nas que podía haber unha persoa experta en dereito e outras moito máis pequeniñas nas que quen se encargaba destes asuntos era practicamente o veciño da muller en cuestión--, polo que non se pode dicir que estas se espontanearan, ao non ir ante a xustiza facelo por propia vontade".
"A VISIÓN DA SEXUALIDADE NO PASADO ESTÁ CONDICIONADA POLO FRANQUISMO, PERO NOUTRAS ÉPOCAS A MULLER TIÑA MÁIS LIBERDADES DAS QUE PENSAMOS"
E eran mal vistas estas mulleres, a pesar de declarar o seu embarazo ante a xustiza, polo feito de quedar embarazadas fóra do matrimonio? Pois, contra o que durante moito tempo se pensou, as últimas investigacións apuntan a que non tanto como se puidese un imaxinar na época. Así, por unha banda, no caso de pequenas xurisdicións nas que era un veciño o que levaba o tema das espontáneas, "ao ter unha relación practicamente de convivencia con esas mulleres, entendía mellor o feito de que algunhas puidesen chegar a quedar embarazadas fóra do matrimonio por diversos factores". Ademais, aínda nos casos de xerificios máis grandes, González asegura que "na documentación non atopei nada que me indique que eran mal vistas as mulleres que tiñan un fillo de solteiras". De feito, tamén había mulleres que tiñan un fillo fóra do matrimonio aínda sen estar solteiras, "tendo en conta que estamos a falar dunha época na que para casarse as mulleres precisaban dunha dote, entendíase que non todas podían chegar a reunila como para casarse co home co que mantiñan unha relación e co que funcionaban como parella aínda sen estar casados". Cousa distinta xa era "se a muller reincidía neste feito e tiña máis dun fillo fóra do matrimonio, pois iso si podía non estar tan ben visto e ser considerado un defecto a ollos da sociedade, polo escándalo ou pola acusación de adicarse á prostitución".
Con todo, a investigadora da UDC lamenta que a día de hoxe "temos unha visión da sexualidade no pasado que está moi condicionada polo franquismo, que impoñía como un defecto que a muller tivese un fillo fóra do matrimonio, pero o certo é que nos períodos históricos anteriores, aínda que non en todos, si se pode dicir que a muller gozaba de máis liberdades das que podemos pensar nun primeiro momento". Á mirada do franquismo sobre a muller veu contribuír tamén a imposición da doutrina católica, aliñada coas ideas do réxime. Pero, "en boa parte do século XVIII e XIX os párrocos do rural procedían tamén das clases máis baixas do rural, polo que tiñan unha mesma visión do mundo que esas mulleres", reflexiona González. Deste xeito, aínda que confesa que tampouco se ten atopado toda a documentación precisa como para poder dicir que realmente o feito de espontanearse dotaba ás mulleres de respecto, alo menos, "se o fillo falecía, o texto espontaneado si as protexía ante a lei", porque "ao darlle publicidade ao embarazo xa se entendía socialmente que a muller se ía facer cargo dese fillo e que non ía facilitar que dun xeito ou doutro falecese".
"COAS ESPONTÁNEAS VEMOS A LEXITIMACIÓN NOS SÉCULOS XVIII E XIX DOUTRO TIPO DE FAMILIA QUE TAMÉN GOZABA DE INTEGRACIÓN SOCIAL"
E é que estamos a falar dunha época na que "a mortaldade infantil era moi elevada" e "nos primeiros 8 días de vida falecían moitos nenos tanto de mulleres casadas como de mulleres solteiras". A diferenza principal entre ambas condicións estaba en que "no caso das mulleres casadas entendíase que o neno morrera por circunstancias alleas á intervención da propia nai, pero no caso das mulleres solteiras xa se podía poñer máis en cuestión a causa da morte, e espertar as sospeitas en relación a abortos (naturais ou espontáneos) ou infanticidios". Con todo, o certo é que, a pesar de todo o que puidese temerse en relación a aquelas mulleres que aínda sendo nais solteiras non se espontaneasen, "o número de persoas que foron procesadas neses séculos por aborto ou infanticidio en Galicia foi escaso". Si hai obras, como Vizcaíno Pérez, que apuntan a que tanto en Galicia como no resto de España por aqueles anos o aborto e o infanticidio eran moi habituais, pero o certo é que fontes documentais que así o acrediten hai moi poucas.
Dende logo, recuperar a memoria de todas estas mulleres espontaneadas é importante por moitas razóns, pero, entre elas, a investigadora da UDC destacaría a necesidade de rachar coa visión da sexualidade da muller ao longo a Historia que nos teñen contado. "Tendemos a aplicar esa visión da sexualidade da muller que nos transmitiu o franquismo a todas as épocas históricas, cando nada ten que ver un século con outro", reivindica. Desta maneira, considera que "é preciso coñecer as realidades anteriores para comprobar que non son exactamente como críamos e ver que, ao longo da Historia, tamén houbo outras opcións e outras formas de vivir máis aló das impostas pola doutrina católica". Así, "coas espontáneas podemos ver tamén a lexitimación nos séculos XVIII e XIX doutro tipo de familia que tamén gozaba de integración social", ademais de comprobar que existía tamén "outro tipo de control por parte das autoridades moi diferente ao actual".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.