Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 15/05/2022 | Actualizada ás 14:26
-Pediríalle a Alfonso Rueda cambios na Consellería de Medio Rural?
Non, non llos pediría neste momento. O conselleiro José González foi proactivo durante os dous anos que leva diante do seu departamento. Atendeu as peticións que lle fomos presentando e durante este tempo puxo en marcha o Observatorio de Custes de Produción en Galicia para facer aplicar a Ley de Cadena Alimentaria, por primeira vez se pechou unha lei forestal, hai unha lei de mobilidade de terras e así entendemos que este ano máis o vindeiro son decisivos para teren unha aplicación práctica. Temos outras áreas do goberno galego máis deficitarias na súa xestión do que foi nesta última etapa a Consellería de Medio Rural.
-Que camiños se poden seguir para frear a suba de custes de produción tanto para gandeiros como agricultores?
Primeiro debemos resolver problemas do inmediato para despois pensar a medio e longo prazo. A primeira das medidas foi ralentizar a PAC Verde Medio Ambiental, situala dentro dun medio prazo. A esixencia de poñela en funcionamento en 2023 é incompatible co fornecemento das materias primas que garantan a alimentación animal. A flexibilidade sobre a aplicación da PAC Verde para poder utilizar miles de hectáreas que quedarían en barbeito como consecuencia desa PAC Verde, permite poder seguilas utilizando. Tamén se deben resolver os problemas de importación desde os EE.UU e Arxentina, que comezaron a ter xa vías de resolución. Feito isto, en Galicia teriamos que redobrar os esforzos económicos para converter en realidade esa mobilidade de terras. O xoves cinco de maio facíanse públicos os datos do INE onde indicaban que tendo a metade de extensión das explotacións en España, apenas 8 hectáreas por explotacións, en vez de ir a máis iamos a menos, por tanto máis hectáreas abandonadas. Por iso, á parte dun instrumento legal como a Lei de Mobilidade de Terras, é posible que debamos introducir ferramentas fiscais para evitar que eses terreos estean abandonados ou nunha cesión precaria, e ao mesmo tempo dispoñer de orzamentos públicos para acondicionar os macropolígonos agrarios e facilitar así forraxe ao noso modelo produtivo. As explotacións de leite viñeron facendo de maneira constante un grande esforzo na mellora xenética, no rendemento por vaca e no incremento da produción. Aínda así, desenvolveron un punto débil que é a dependencia de concentrado. Isto ponas nunha posición moi vulnerable e por tanto debemos garantir un esforzo grande para que esas máis de 500.000 hectáreas susceptibles de ser aproveitadas por estaren abandonadas ou froito de concentracións parcelarias mal executadas, pois pasen a estar en dispoñibilidade das explotacións gandeiras que o necesitan de maneira imprescindible para soportar eses custos de produción. Non debemos esquecer isto, os gandeiros galegos foron os que máis creceron durante os últimos anos na produción de leite mais non a súa base territorial. Se Galicia ten os prezos máis baixos de toda España e esta ten os prezos más baixos de toda Europa, é imprescindible para manter eses prezos e que as explotacións sexan rendibles, ter uns custes de produción moi baixos e para isto é imprescindible ter unha base territorial que, acompañada da nosa climatoloxía, fai ter os prezos máis baixos e aínda así seguen crecendo.
en Galicia teriamos que redobrar os esforzos económicos para converter en realidade a mobilidade de terras
-Entón o sector lácteo galego é o que menos beneficios recolle dentro da situación económica actual para a agricultura en Galicia.
O sector cárnico é o que máis está a sufrir pois encadea dúas crises continuadas. A primeira foi o peche da hostalaría durante a pandemia, isto trouxo unha baixa importante no consumo de carne e a consecuencia foi ter prezos de hai vinte anos. O cen por cen das explotacións de vacún para carne cobran por debaixo do que lles custa producir, así pois están nunha situación de ilegalidade vendendo a perdas. No caso do sector lácteo é certo que houbo un incremento e unha recuperación de prezos nestes tres ou catro últimos meses que leva a un 60% do leite galego, que está en mans dun 15% de explotacións, está cobrando por encima dos custes de produción. Por outra parte, hai un 80% de gandeiros que producen un 40% de leite en Galicia vendendo por debaixo deses custes de produción, por tanto nunha clara situación de ilegalidade. A tradución deste estado é que houbo un incremento de prezos para as grandes explotacións, non obstante, hai un grande número de explotación vendendo un leite de moi boa calidade cunha penalización por volume que non se explica economicamente e por tanto, nunha situación de ilegalidade. A maioría de gandeiros venden o litro de leite por debaixo dos 40 céntimos, o prezo que a Xunta indicou hai un mes como custe medio de produción.
-En abril de 2022 Galicia vendeu case tres millóns de quilos de leite. Se se vendesen cada un deses litros a 40 céntimos estariamos falando dun sector básico en Galicia.
Aínda sen pagar os 40 céntimos é un sector básico porque arredor das explotacións lácteas vive un número de empresas relativamente importante como son as de venda de maquinaria ou profesionais da veterinaria. É o motor do medio rural, non en extensión porque aí o vacún de carne manexa máis en extensivo, mais si economicamente, pois polo número de activos é unha rexión produtora das grandes de europa en claro crecemento, se ben é certo que cada ano perdemos entre un 5 e un 6% das explotacións de menor tamaño ou aquelas con propietarios de avanzada idade sen relevo xeracional para continuar coa produción. Aínda así, o volume de produción incremetouse este 2022 sobre un 3%. Hoxe con 6.000 explotacións producimos o triplo de leite que cando entramos no sistema de cotas con 35.000. Por tanto hai un claro crecemento no volume de leite e unha clara redución de gandeiros con dificultade de sucesión e de man de obra para as explotacións. Todo isto dentro dunha marxe de beneficios moi limitada porque nin sequera as grandes explotacións se aproximan aos prezos medios que se pagan en Europa, coa excepción da Península Ibérica, onde España e Portugal é o sinal vermello dos prezos lácteos na UE.
Se Galicia ten os prezos máis baixos de toda España e esta ten os prezos más baixos de toda Europa, é imprescindible para manter eses prezos e que as explotacións sexan rendibles
-Volvendo á mobilización de terras abandonadas, sería posible que boa parte delas se cultivasen con cereal para rebaixar as importacións?
Non sei se a produción de ceral para alimentación animal ten unha marxe económica suficiente para facela viable. Non obstante, todos os días escoitamos sobre a produción de pan en Galicia que hai un número importante de panadarías decididas por consumir un trigo e un centeo galego ligándoo á alimentación humana, ten unha demanda importante cun nicho de mercado susceptible de poder fornecernos. Non sei se polas dimensións das parcelas que se puidesen habilitar, poderían ser rendibles para a alimentación gandeira. Insisto, co reclamo da produción de pan de calidade, mesmo do resto de España, hai un nicho de mercado para destinar hectáreas á produción de trigo e centeo.
-Esas terras que piden mobilizar tamén poderían ser utilizadas para ter forraxe ou ensilado, é así?
O día 5 de maio apareceu unha noticia onde a USC está estudando o aproveitamento de moitas hectáreas do Val do Lemos abandonadas para sistema de regadío. Hoxe en día a produción de forraxe non ten que estar ao pé da explotación á que vai destinada, senón que pode haber coutos redondos para subministrar forraxe ás explotacións que o demanden. Cando se están utilizando moitas empresas externas para recoller silo e millo, son empresas que durante o resto do ano teñen maquinaria parada e que poderían ser puntos intermedios para fornecer de forraxe a grupos de gandeiros ou explotacións individuais.
Aínda sen pagar os 40 céntimos o sector lácteo é un sector básico porque arredor das explotacións vive un número de empresas relativamente importante
-Que políticas proactivas lle interesaría aplicar para facer máis atractivo o traballo agrario e gandeiro dentro das novas xeracións?
Sen esquecermos as cuestións económicas, un dos problemas do campo é o da calidade de vida. Moitas experiencias asociacitivas que se están dando entre pequenas explotacións no rural, veñen para resolver un problema de tamaño, mais tamén un problema de rotación e de buscar vías libres entre os traballadores para poder asociarse e resolver a cuestión da falta de man de obra por conta allea. Estamos vendo que en iniciativas de asociación entre pequenas explotacións, e tamén en grandes, está sendo unha realidade para solucionar o problema de calidade de vida e tempo libre para poder rotar as fins de semana, tomar vacacións e ter un traballo máis ordenado e suplir a falta de persoal cualificado para a actividade agrogandeira. Hoxe os salarios dentro das explotacións non son un problema, pois están por encima do SMI, están por encima do salario medio da zona interior de Galicia. Aínda así, temos dificultade para encontrar persoal cualificado para explotacións de leite, por exemplo. Moitas veces o asociacionismo resolve ese problema e dar unha calidade de vida que non supoña estar os 365 días conectado ás explotacións de leite.
-O cultivo ecolóxico e a gandería ecolóxica son garantes de futuro para asentar familias no rural?
Ten unha literatura nos medios de comunicación e na opinión pública que logo non se corresponde co que está disposto a pagar quen consume ese produto de extrema calidade. A proba evidente é o que pasa neste momento co leite ecolóxico, pois é o único que baixou prezos. Cobramos menos por un litro de leite ecolóxico que hai un ano e por tanto, os custes están disparados. Moitas veces esa literatura de consumidores de salón que nos din o que debemos facer para coidar o lobo, o xabaril, para non botar abono sintético e non botar pesticidas, polá mañá poñen deberes mais pola tarde non teñen escrúpulo en mercar no supermercado o produto máis barato sen ningún tipo de condicionante como saber de onde vén. Por tanto, é moi difícil esixir unhas condicións estrictas que aumentan os custes de produción e logo competir con outros produtos chegados doutros continentes sen ningún tipo de control de benestar animal, nin utilización de fitosanitarios nin controis sanitarios. É necesario que a aposta pola produción ecolóxica e sustentable estea acompañada dunha concienciación do consumidor. Todo isto sen encarecer o produto por un determinado xeito de produción para ter unha resposta de estar disposto a pagar ese plus, senón non deixa de ser ecoloxismo de salón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.