A Inquisición I: Os grandes intereses da Igrexa nos séculos máis escuros da Galicia medieval

A confiscación de bens dos condenados por parte do clero era a práctica habitual. Por iso, a codicia de moitos inquisidores fixo que mesmo xente que nada tiña que ver con herexías nin prácticas de bruxería, e que profesaba a fe cristiá, ardese na fogueira ou fose torturada ata a morte.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 06/09/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Todas as civilizacións teñen etapas escuras que quixeran borrar da súa Historia, mais que, por desgraza, están condenadas a ser recordadas polos séculos dos séculos (din que para que non se volvan repetir, pero a verdade é que o ser humano sempre tropeza coa mesma pedra tres veces, alo menos). Sen dúbida, para España e para Galicia, unha das máis recentes é a época da Santa Inquisición, na que centos de miles de persoas foron condenadas inxustamente a morrer na fogueira, a paus ou torturadas de formas inimaxinables.

Unha das sedes que ocupou a Santa Inquisición en Santiago
Unha das sedes que ocupou a Santa Inquisición en Santiago | Fonte: Arquivo

O termo Inquisición, tal e como se recolle no estudo 'La Inquisición en Galicia', de Miguel González Santos, da Universidade de Vigo (UVigo), fai referencia a todas as institucións da Igrexa Católica adicadas á supresión da herexía, entendida esta como acto de disidencia da fe cristiana. O seu maior auxe prodúxose durante a Idade Media e estivo respaldada fortemente polo poder político, aínda que rematou por caer exclusivamente en mans do clero, que perpetraba brutais asasinatos en nome de Deus.

A Inquisión como tal naceu no sur de Francia no ano 1184, mediante a bula 'Ad Abolendam' do papa Lucio III, coa finalidade de poñer fin á herexía. Foi unhas décadas máis tarde, no 1249 cando se implantou en España, no reino de Aragón e Castela, xa que os Reis Católicos vían que os seus esforzos por facer que os xudeus conversos renunciasen aos ritos xudeus resultaban infrutuosos. Así, solicitaron ao Papa a creación dun Tribunal que castigase o xudaísmo e foi Sixto IV quen firmou o 1 de novembro de 1478 a bula 'Exigit sincerae devotionis', que outorgaba aos monarcas a potestade de designar inquisidores.

Os inquisidores, co visto e prace dos monarcas e da Igrexa, podían facer o que considerasen oportuno para preservar a fe cristiá, sen limitacións de ningún tipo e, moito menos, éticas ou morais. Así, o que naceu como unha forma  de persecución aos xudeos, rematou por perseguir a outros colectivos sociais discriminados na época: meigas (entendidas estas como mulleres que usaban herbas e plantas menciñais coa crenza de que sanaban), supersticiosos, xitanos, homosexuais, blasfemos, inmorais... Ninguén estaba libre de caer na fogueira, sobre todo se tiñas un veciño que te quería mal e te acusaba.

Pero, por que o clero ía querer acusarte sen probas? Depende, mais se tiñas propiedades ou eras unha persoa con cartos seguramente lles interesase quedarse con eles. De feito, a confiscación de bens dos condenados por parte do clero era a práctica habitual. Por iso, a codicia de moitos inquisidores fixo que mesmo xente que nada tiña que ver con herexías nin prácticas de bruxería, e que profesaba a fe cristiá, ardese na fogueira ou fose torturada ata a morte. Co aquel de que se facía en nome de Deus, todo estaba moralmente xustificado.

Meigas de Cangas
Meigas de Cangas | Fonte: Arquivo

O TRIBUNAL DE SANTIAGO COMO DEFENSA DA FACHADA ATLÁNTICA DO PROTESTANTISMO

A Galicia, a pesares da creación en Castela e León xa no 1478, o Tribunal do Santo Oficio da Inquisición chegou tarde, tardou catro décadas máis, e coñecéuselle como o Tribunal de Santiago. A primeira referencia ao respecto data do ano 1520, onde aparece o nomeamento do Licenciado Maldonado como inquisidor. Con todo, xa dende o ano 1044 está documentada a presenza de xudeus na nosa terra. Polo que neste caso había outros intereses tras deste tribunal.

Cales? Defender á fachada atlántica das herexías protestantes que chegaban de Europa e que a Igrexa Católica sabía que era preciso neutralizar. Ademais, Galicia era refuxio para moitos xudeus portugueses que fuxían da Inquisición de Coímbra e se instalaran en zonas marítimas de pobos fronteirizos co seu país, como Baiona, Pontevedra ou Vigo; e en zonas vitivinícolas como Ribeiro de Avia. Non podía permitirse que Galicia fose a porta de entrada a estes herexes.

MEIGAS, MULLERES PROPIETARIAS DE GRANDES FORTUNAS

Aínda que, sen dúbida, en Galicia o que máis se perseguiu, segundo conta a tradición oral e escrita, foi ás bruxas, máis coñecidas como meigas na nosa terra, que se constituíron como o colectivo por excelencia no punto de mira do Tribunal. As súas prácticas vinculábanse ao demo e falábase de que tiñan pactos con el para vivir eternamente ou gozar de privilexios. Tamén se lles atribuían pecados capitais como a luxuria (sempre estiveron moi relacionadas coa liberdade sexual nunha época retrógrada) ou a gula.

E como se sabía que unha muller era meiga? En moitos casos gardaban unha coincidencia innegable: eran propietarias de fortunas considerables, ademais de 'Dereitos de Presentación', que consistían en dúas cousas: por un lado, os sucesores do fundador dunha igrexa podían propor ao titular da mesma ao producirse a vacante; e, por outro, participaban dos beneficios que a propia igrexa xeraba. Que casualidade, non? Un exemplo máis de como ao longo da Historia tratou de reducirse o podería das mulleres a un segundo plano.

MARÍA SOLIÑO: EXEMPLO DA 'CAZA DE BRUXAS' EN GALICIA

Un exemplo claro é o caso de María Soliño, cunha ampla repercusión a nivel literario e teatral. Soliño era unha das mulleres máis ricas de Cangas, tanto pola fortuna que chegou a poseer o seu marido, Pedro Barba, en sociedade co seu irmán, como polas moitas fincas que herdara. Quedou viúva porque o seu marido e o seu irmán morreron loitando contra os piratas beberiscos nunha incursión que estes fixeron na ría de Vigo no ano 1617. Os seus corpos desapareceron no mar e por iso ela ía todas as noites a rezar para que o mar llos devolvera.

Non había máis que falar. Unha muller soa, pola noite, nun porto... O escenario perfecto para desencadear unha 'caza de bruxas'. O Santo Oficio, integrado maioritariamente por membros da pequena nobreza, púxose niso, pois era para eles unha boa forma de recuperar o perdido durante a invasión dos piratas, que mermara as súas rendas, privándoos do alto nivel de vida ao que estaban acostumados.

Así, acusada de bruxería polas súa andainas nocturnas, foi apresada e torturada en Santiago, onde a obrigaron a dicir que efectivamente practicara a bruxería durante 20 anos. Como castigo, requisáronlle todas as súas posesións e 'Dereitos de Presentación' e obligárona a vestir o 'sambenito' (túnica usada para humillar aos herexes) durante seis meses. A día de hoxe descoñécese o momento da súa morte, aínda que se supón que morreu a causa das torturas ás que foi sometida, á idade de 70 anos.

María Soliño representada nun filme
María Soliño representada nun filme | Fonte: Produtora Faro
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Antón

Un artigo moi interesante, pero tedes que ter máis coidado á hora de empregar os pronomes reflexivos...moito "che" nos lugares que vai o "te". Unha aperta.