Rial Boubeta, psicólogo: "Un móbil é para un neno de 14 anos coma unha lámpada de Aladín, aí está o problema"

Actualmente hai xa un 30 % de adoslecentes que comezan a presentar problemas de conduta relacionados co uso dos móbiles e das pantallas, dos cales arredor dun 3 % poderían ser considerados adictos no sentido máis estrito da palabra. A taxa de ideación suicida en menores sitúase nun 12,7 %.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 27/09/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os móbiles son unhas ferramentas moi útiles que viñeron a solucionarnos a vida en moitos aspectos: comunicativamente, a nivel de entretemento e mesmo a nivel de estimulación intelectual. Sen embargo, trátase de aparellos para os que tamén hai que estar correctamente preparado a nivel educativo para facer un correcto manexo, pois, en caso contrario, poden acarrear unha serie de consecuencias moi negativas, sobre todo a nivel de saúde mental. Pola contra, na sociedade actual atopámonos con menores que pasan horas e horas ao día (e á noite) diante do móbil, consumindo contidos e relacionándose con persoas dun xeito do que moitas veces nin os pais son conscientes. E é que, como asegura o psicólogo social e investigador da USC Antonio Rial Boubeta, "un móbil é para un neno de 14 anos coma unha lámpada de Aladín: pode entreterse na habitación a escuras á unha da mañá xogando a videoxogos ou vendo series (e pornografía) sen supervisión, pode gañar cartos fáciles facendo a través del apostas deportivas, pode entablar novas amizades virtuais nas redes sociais... Todo o que imaxina na palma da súa man". Pero, como afecta isto a unha mente que non está preparada?

Nenos usando os móbiles no recreo
Nenos usando os móbiles no recreo | Fonte: Getty Images - Arquivo

Precisamente, a xornada de prevención 'Menores e Pantallas: da Investigación á Acción', celebrada este venres na Facultade de Psicoloxía da USC, tratou de dar resposta a esa cuestión e de abordar a súa posible solución. Nela, Rial Boubeta aseguraba que "é innegable que temos un problema coa tecnoloxía usada por menores, temos evidencias científicas diso e aí están os datos". Agora ben, concede que "a tecnoloxía tamén ten as súas cousas positivas e non se trata de demonizala, senón de dimensionar as cousas e traballar en prevención, tanto dende o centro educativo como dende o propio fogar". Como explica, polo de agora non se pode falar do uso problemático que fan os rapaces das pantallas como unha adicción, porque a Organización Mundial da Saúde (OMS) aínda non considera que poida englobarse, polos seus síntomas clínicos, nesa categoría, pero "é evidente que hai un enganche dos menores aos videoxogos, ás redes sociais, ao WhatsApp, ás apostas, á pornografía...", e todo iso o atopan no móbil.

Actualmente hai xa un 30 % de adoslecentes que comezan a presentar problemas de conduta relacionados co uso dos móbiles e das pantallas, dos cales arredor dun 3 % poderían ser considerados adictos no sentido máis estrito da palabra: persoa dependente dos estímulos que lle aporta unha determinada substancia, neste caso, o móbil, e que sufre abstinencia se non a ten. Por iso, Rial Boubeta aprema a traballar dende xa: "Debemos previr a nivel escolar, familiar, traballando cos propios mozos e coas familias, pero sobre todo traballando a nivel de percepción ambiental, impoñendo normas, leis, regulacións, programas dotados de recursos...", pois "só así conseguiremos un cambio social". O que non é de recibo, na súa opinión, é que "a día de hoxe 1 de cada 4 rapaces menores de idade queiran ser 'gamers', crean nesa posibilidade de verdade, e invirtan tempo e cartos en conseguilo". Ademais, apunta a que este é tamén un asunto polo que "a industria tecnolóxica non pode pasar de punteiras". "É un problema de saúde pública moi serio, de liderado e de compromiso institucional e político, porque non pode ser que o plan vixente sobre trastornos adictivos sexa o do período 2011-2016, imos tarde", lamenta. 

"NO 50 % DOS CASOS DE IDEACIÓN SUICIDA HAI UN PROBLEMA DE PERSISTENCIA DO CIBERACOSO DETRÁS"

Agora ben, "a tecnoloxía vén a ser un máis dos grandes problemas que teñen os adolescentes", e pode agravar os demais. En concreto, o investigador asegura que "o principal problema para os adolescentes é a saúde mental", tanto que "a demanda de asistencia entre os menores de idade é brutal" e "a principal causa de morte na adolescencia é o suicidio". Actualmente, a taxa de risco de suicidio está no 12,7 %, o que "supón que un de cada dez rapaces galegos máis da metade da semana teñen ideas suicidas, o cal non quere dicir que queira morrer porque si, senón que hai un sufrimento moi grande detrás". Rial Boubeta apunta a que "no 50 % dos casos de ideación suicida hai un problema de persistencia do ciberacoso detrás". Os datos apuntan a que se hai un 20 % de acoso escolar, hai un 10 % de ciberacoso e un de cada tres nenos nalgúns países sufre acoso escolar. Ademais, a taxa de depresión dun rapaz que pode estar sufrindo ciberacoso durante meses e que non o conta multiplícase por cinco ou por seis. Como tratar de poñerlle freo a estas taxas que ano tras ano van en aumento? Como afirma o investigador, "o primeiro é proporcionar a eses nenos a axuda psicolóxica", pero tamén é fundamental "ter un protocolo de actuación, algo no que queda moito aínda por mellorar".

Nena chateando co móbil
Nena chateando co móbil | Fonte: Save the Children - Arquivo

"O 70 % DOS CONTIDOS QUE VISUALIZAN OS RAPACES DE 13 ANOS PODE SER ETIQUETADO COMO 'HARDCORE'"

Condutas e tendencias que xa se viñan notando, como o incremento no consumo da pornografía entre os menores de idade, agora dá o salto tamén ás pantallas. Como indica Rial Boubeta, a idade á que os menores de idade están accedendo por vez primeira a contido pornográfico en liña está nos 10,7 anos en nenas e nos 10,8 anos en nenos, normalizándose á idade de 12,9 anos. É dicir, "o 70 % dos contidos que visualizan os rapaces de 13 anos poden ser etiquetados como 'hardcore', e van dende agresións continuadas ata violencia sexual". Moito é o que se escoita falar na actualidade de que os rapaces de agora maduran antes a todos os niveis, tamén sexual, pero o investigador advirte de que "unha cousa é o ciclo sexual e outra o desexo sexual, porque este último contrúese socialmente". Así, se os rapaces consumen estes contidos "rematarán por excitarse con cousas que non son ou non deberían ser normais: asfixia, golpes, tiróns de cabelo". Entre 2008 e 2018 o número de casos de violacións en manada pasou de representar o 2,1 % a ser do 10,5 %, con máis de 250 casos xudicializados en España de manadas en 5 anos. Nesta mesma liña aparece recentemente outra 'rede social': OnlyFans, moi vinculada á prostitución, onde "xa hai casos de nenas de 4º da ESO ou Bacharelato que teñen unha conta na que amosan o seu corpo a cambio de cartos". 

"UN 7,5 % DOS NENOS MENORES DE 14 ANOS ADICA MÁIS DE 30 HORAS Á SEMANA A XOGAR A VIDEOXOGOS"

Tamén se englobaría neste ámbito, polo tipo de contidos sexuais que moitas veces tamén incorporan, os videoxogos. Como expón o investigador da USC, "1 de cada 3 rapaces consume videoxogos catalogados como PEGI 18 (non recomendados para menores de 18 anos) con menos de 14 anos". Pode isto afectarlles na súa forma de percibir a realidade? El teno claro: "Por suposto". Tira de exemplos como aqueles nenos que despois de ir ver unha película de Bruce Lee querían facer artes marciais e remataban cunha cella rota. "A adición aos videoxogos si está recoñecida pola OMS como tal, polo cadro clínico que presenta, e pode estarse dando nun 5,1 % dos adolescentes españois; 1 de cada 3 rapaces con 12, 13 ou 14 anos xoga a videoxogos coma o 'GTA'", expón Rial Boubeta, que explica que, "paralelamente, vemos como a taxa de agresores en rapaces que consumen estes contidos se multiplica por tres". No caso de Galicia, "2 de cada 3 xogan a videoxogos alo menos unha vez por semana, e un 7,5 % adican máis de 30 horas á semana a xogar a videoxogos", afirma o investigador. Vinculado a este 'hobby' dos videoxogos, aparece duns anos cara esta parte o aumento do consumo de bebidas enerxéticas: "Un rapaz cunha conduta problemática no uso das pantallas consume ata 7 veces máis bebida enerxética que un que non ten ese problema, porque ao final tamén as ve sendo consumidas polos 'gamers'".

"OS RAPACES QUE USAN AS REDES COMO RECURSO DE ENTRETEMENTO CONTINUO, ACABAN PAGANDO UNHA PEAXE EMOCIONAL"

En termos de saúde, esta conduta adictiva plantexa verdadeiros riscos, dende problemas na calidade do sono ata cambios na alimentación ou dores de espalda e cabeza e liortas familiares e discusións frecuentes. E todo iso sen contar o máis importante e delicado: a saúde mental. Como afirma Rial Boubeta, "os rapaces que usan as redes como recurso de entretemento continuo, acaban pagando unha peaxe emocional". Case 2 de cada 10 adolescentes (o 19,5 %) segue algún tipo de dieta, en máis da metade dos casos para perder peso. Tamén hai un 20,2 % dos que presentan sobrepeso ou obesidade consumen bebidas enerxéticas a diario a o 12,3 % refrescos con azucre. E, aínda que a OMS recomenda dormir un mínimo de 8 horas diarias na adolescencia, algo que en Galicia faría menos da metade dos adolescentes, o 48,7 % acostuma durmir 6 ou 7 horas nun día de semana normal e o 8,5 % mesmo 5 horas ou menos. Ao 12 % dos adolescentes cústalles moito cada noite quedarse durmidos e o 8,1 % adoita espertar na metade da noite.

"O 85 % DOS MENORES DE 14 ANOS CONTA CON PERFÍS EN TRES OU MÁIS REDES SOCIAIS"

Por onde pasa a solución? "Non podemos tampouco poñerlle barreiras a todo, dicirlle a un rapaz de 12 anos que non toque as redes é imposible, pero si debemos equilibrar a balanza", considera Rial Boubeta. E é que estamos nun momento no que as leis de idade para acceder a redes sociais se están saltando. En España a idade mínima para acceder a unha rede social está nos 14 anos. Sen embargo, "o 98 % de rapaces con menos de 14 anos está xa nas redes" e "o 85 % dos menores de 14 anos conta con perfís en tres ou máis redes sociais". A isto habería que sumar o feito de que "2 de cada 3 menores de 14 anos teñen máis dun perfil na mesma rede", para poder ocultar o que fan aos seus proxenitores, principalmente. "Eu podo estar tranquilo como pai porque a miña filla sube contido 'normal' á súa conta, como a comuñón da súa curmá, pero, é a que eu coñezo a única conta que ten?", plantexa o investigador. E cando se usan esas outras contas? Maioritariamente durante as noites: "Moitos rapaces van para a cama co móbil na mesiña e, pola noite, cando xa marcharon os pais, cólleno para usalo". "E logo espantámonos de que o noso fillo poida andar pola rúa á unha da mañá, cando a uns centímetros de min está xa nun mundo paralelo", reflexiona, en relación ao mundo virtual.

NORMATIVAS SOBRE AS QUE SE ESTÁ TRABALLANDO

Fai tan só unha semana, a Comunidade de Madrid, adiantándose ao propio Consello de Ministros que supostamente manterá a vindeira semana unha reunión para falar sobre a regulación no uso das pantallas, decidiu abordar esta problemática. Isabel Díaz Ayuso anunciou que na etapa Infantil, ata os 6 anos, en ningún caso se empregarían nas aulas dispositivos electrónicos para fomentar a aprendizaxe; en Primaria, dos 6 aos 12 anos, tampouco se usaría a tecnoloxía para a aprendizaxe de escritura, lectura e matemáticas e tan só se permitiría un uso racional da mesma para fins estritamente educativos; xa na ESO, entre os 12 e os 16 anos, transitaríase a un uso autónomo das pantallas, pero con regras claras, baixo supervisión, con contido educativo e dirixido por profesores.

A nivel estatal, de ser aprobado o anteproxecto de lei orgánica para a proteción dos menores nas contornas dixitais, o Executivo central contempla un plan de alfabetización dixital para que, de maneira transversal, a través de distintas asignaturas, como a educación afectiva sexual, se impartan dende idades temperás (Primaria e Secundaria) coñecementos para a autonomía dos menores no ámbito dixital e ferramentas para combater bulos. Ademais, obrigará ás tecnolóxicas a incluír nos seus produtos un control parental de fábrica e un test pediátrico para coñecer se se está facendo un uso inadecuado nos dispositivos electrónicos. O plan inclúe o etiquetado dos contidos dixitais, cunha linguaxe entendible e accesible tamén para persoas con discapacidade, onde se engadirán advertencias se estes non son aptos para menores de idade. Tamén se contemplan penas para a creación e difusión de imaxes e audio de contido sexual ou vexatorio. Finalmente, entre outras cuestións, tamén aumentaría a idade mínima para poder crearse unha conta nas redes sociais dos 14 aos 16 anos; prohibindo o acceso totalmente aos menores a mecanismos aleatorios de recompensa como as 'lootboxes' ou caixas botín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta