Os hórreos non só foron almacéns de gran, tamén foron verdadeiros 'altares do vento' aos que render culto

Aínda que todos temos unha concepción material e funcional dos hórreos, dende o GC queriamos coñecer tamén a súa parte máis espiritual e inmaterial, e facémolo da man da arqueóloga Ana Isabel Filgueiras.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 27/10/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Trigo, avea, centeo, millo, mazás, chourizos, touciño, xamón... Son moitos os alimentos que se viñan almacenando nos hórreos galegos en tempos pasados. E é que, como para ninguén resulta unha sorpresa a estas alturas da película, os hórreos teñen unha función utilitaria ben definida: serven de almacéns para manter a comida a salvo da humidade e a choiva que caracteriza ao clima galego, pero tamén do forte sol do verán e dos ratos. Pois non hai que esquecer que houbo un tempo no que era fundamental poder gardar o gran colleitado en boas condicións, para garantir que con el se puidese elaborar o pan, base da alimentación da humanidade. Pero os hórreos tamén gozaban de máis utilidades, algunhas das cales aínda conservan hoxe en día nalgunhas aldeas, como por exemplo o seu uso como leñeira, porque debaixo do hórreo pódese meter a leña para mantela protexida da choiva; ou como galiñeiro, cerrando cunha malla a parte baixa do hórreo arredor das patas para meter as galiñas; e ata como cocho para o can, casiña de xogos para os nenos ou tendedeiro para a roupa.

Hórreos en Combarro
Hórreos en Combarro | Fonte: Turismo de Galicia

Agora ben, máis aló desta parte utilitaria que calquera persoa pode apreciar cando se atopa cun hórreo ou coa súa historia, estas construcións gozan tamén dunha parte simbólica e espiritual que non está á vista. Para descubrila, dende o Galicia Confidencial falamos coa arqueóloga Ana Isabel Filgueiras, que nos conta todo o que se agocha detrás dun hórreo, comezando polo seu propio nome. De onde vén esa palabra tan rara? O primeiro que apunta a experta é que "existe tanto a forma 'hórreo' como 'hórrea', e a única diferenza entre ambas construcións está en que as hórreas adoitan ser un pouco máis anchas, pero poden verse en convivencia cos hórreos, intercaladas entre eles, pola zona de Bergantiños, Ponteceso, Malpica, e tamén pola zona de Santiago, Val do Dubra, Teo, Touro, Boqueixón...". Ademais, tamén indica que aos hórreos se lles coñece como cabazos, cañizos (por esa orixe nos hórreos de vimbia entrelazada, probablemente os máis antigos), piornos, palleiros, espigueiros, canastros... As acepcións son diversas e "todas estas denominacións e a diversidade tipolóxica de formas e materiais que presentan (de vimbia, mixtos con madeira e pedra, de granito...) xa constitúen en si mesmas unha riqueza cultural para enorgullecernos", confesa.

Pero, para atopar a orixe ou indagar no significado da palabra 'hórreo', Filgueiras asegura que "nos temos que remontar á toponimia do nome en si". "A toponimia é fundamental e podemos atopala, por exemplo, nalgúns documentos de testamentos, doazóns e vendas nos que curiosamente as mulleres son as titulares, datados xa os primeiros no ano 1038, nada menos, no século XI", afirma a arqueóloga, que engade que, a partir de aí, "tamén aparecen referencias a esta palabra no ano 1232, neste caso como referencia a un monte, o Monte do Hórreo, ou a un lugar, o Lugar do Hórreo", o cal, na súa opinión, "resulta bastante indicativo de que xa existían estes celeiros naquel tempo". Esta información foi extraída pola arqueóloga, como nos conta, dun tombo medieval do mosteiro de Troxosoutos, na zona de Noia, na que ela traballa como arqueóloga municipal, e apunta a dúas aldeas da vila, unha ao lado da outra, que reciben o nome de Horro e Curral do Horro, o que podería resultar un indicativo de que había hórreos no lugar.

"OS HÓRREOS PODEN SER PERCIBIDOS COMO PEQUENAS CAPELAS; E O FEITO DE QUE SE ATOPEN ELEVADOS AXÚDAOS A ESTAR MÁIS PRETO DO CEO"

Entrando xa na parte inmaterial como tal dos hórreos, para Filgueiras non cabe dúbida de que "os hórreos teñen unha parte moi importante evocativa" e que "ten que ver, fundamentalmente, con como percibimos dende fóra o hórreo, tanto nós os galegos como, sobre todo, a xente que non é de aquí, ou sexa, a xente estranxeira, os visitantes". E como se perciben dende fóra de Galicia os hórreos? Pois como unha capela, como un pequeno santuario, algo que ten lóxica se pensamos en que, moitas veces, os hórreos están rematados con cruces. "Non é que sexa o maioritario, pero si que hai moitos hórreos rematados en cruces, outros en rosáceas, outras en pináculos, con representacións totémicas de animais como o lobo, ou figurativos con esculturas como un home con escopeta, e mesmo poden ter o escudo nobiliario da familia", explica a arqueóloga. Así mesmo, os propios hórreos gozan doutras arquitecturas monumentais asociadas, como poden ser os pazos que os albergan, as igrexas ou os mosteiro. 

Hórreo en Marín
Hórreo en Marín | Fonte: Turismo de Galicia

Esta parte sacralizada pode atoparse xa nas Cantigas de Santa María do rei Afonso X O Sabio, a mediados do século XIII. Filgueiras exemplifica que unha destas cantigas está iluminada (ilustrada) e nela pódense ver uns hórreos e uns monxes rezando coa porta do hórreo aberta e o cereal dentro, baixo un titular que fala do milagre dos hórreos, pois como os monxes non tiñan para comer e estaban pasando penurias, rogaron a Santa María que os socorrese e esta concedeulle alimento. Ademais, o feito de que o hórreo se atope elevado non é algo casual, senón que a elevación do mesmo ten un sentido práctico e simbólico, "práctico porque axuda a conseguir unha ventilación e aireación mellor, pero tamén simbólico porque a altura pode percibirse como unha ostentación e tamén como unha forma de estar máis preto do ceo". Iso é o mesmo que acontece cos verdadeiros santuarios, que se atopan en lugares elevados para estar o máis cerca posible de Deus, xa que, canto máis preto do celestial, maior protección se lles supón.

Así, a arqueóloga entende os hórreos, na súa maior parte, como "un patrimonio cultural sacralizado", e mesmo os denomina "altares do vento", porque "realmente son arquitecturas elevadas para recibir o vento empoleirados en sitios visibles nos que renderlle culto", por exemplo, no mesmo portalón das casas que os acollen como recibimento para os visitantes, sobre os muros dos camiños para gardar aos camiñantes, no alto das aldeas para dar servicio a toda a comunidade, sobre plataformas elevadas ou torres creadas co propósito de levantalos (como ocorre en Ponteceso, Corme ou Brantuas) ou na primeira liña de costa e bordeando a ribeira (como é o caso dos de Combarro). Se ben tamén confesa que se trata "dunha faceta dos mesmos que temos algo desatendida na actualidade, porque ao non ter a experiencia vital do momento no que se empregaban, resulta máis difícil, pero si pode coñecerse por testemuñas que confirman que a expresión espiritual deste legado era moi importante fai décadas".

"O HÓRREO ATÓPASE NA METADE DO CICLO DO PAN, ALIMENTO FUNDAMENTAL PARA A VIDA E, DE NON EXISTIR, NON EXISTIRÍA TAMPOUCO O RESTO DO CICLO"

Tampouco hai que esquecer que un hórreo, indisolublemente, está ligado ao ciclo do pan como tal, que leva aparelladas un feixe de fases: primeiro a sementeira, despois a sega ou a recolleita, logo a malla, seguidamente a moenda, despois o amasado na casa, o fornado no forno e, finalmente, a súa venda na feira. "O hórreo está na metade dese ciclo", explica Filgueiras, pois "é o que se utiliza para almacenar o gran co que se vai facer logo o pan, de tal maneira que, se non existise o hórreo, o resto do ciclo xa non existiría, nin a malla, nin a moenda, nin nada". Deste xeito, tamén habería que asociar o hórreo coa existencia doutro tipo de arquitecturas que forman parte do ciclo do pan, como as eiras de mallas, eses espazos enlousados ou de terra nos que se facía a malla, que adoitan atoparse a carón do hórreo ou ao pé do mesmo; ou como os muíños hidráulicos, vinculados á súa vez con outra tradición ceremonial como é a muiñada, pois a moenda do pan vai acompañada de música e de baile, de aí a tradición musical que aínda conservamos na actualidade. "Todo isto debe asociarse tamén á existencia do hórreo, non hai que miralo como algo illado, senón que está tamén ligado e forma parte vital do ciclo do pan", resalta a arqueóloga.

Ademais, á existencia do hórreo e, polo tanto, do ciclo do pan, tamén habería que vincular a aparición de oficios que perduran ata os nosos días, como o de panadeiro ou o de forneiro, ou outros que foron desaparecendo, como o de muiñeiro. "O oficio de panadeiro xa existía como oficio gremial na Idade Media", resalta a arqueóloga, que asegura que era unha profesión que gozaba de moito prestixio, pois "eran moi importantes os ingredientes escollidos para realizar o pan", ingredientes que "variaban en función da zona de Galicia na que se fixese o pan, e que daban sona a moitos lugares: Carral, Caldas, Noia, Friol...". E o pan tamén leva asociadas toda unha serie de historias, cantigas e mesmo marcas persoais das panadeiras que o ían vender nas feiras, cousas que, como afirma Filgueiras, "tamén forman parte do patrimonio inmaterial relacionado e asociado cos hórreos". E xunto aos oficios xurdidos do pan, tamén están aqueles que xorden da propia construción dos hórreos: canteiros, carpinteiros, pintores, ferreiros... "Os construtores dos hórreos adoitan ser anónimos", explica Filgueiras, que apunta a toda unha conxunción de oficios ao redor dos mesmos que "tamén forma parte do patrimonio inmaterial vinculado a estas construcións".

"CANDO O HÓRREO ESTÁ CHEO HAI FARTURA, INDICA QUE A FAMILIA OU A VILA NON PASA FAME, OFRECENDO UNHA IMAXE DE COMO É A ZONA NA QUE SE ATOPA"

Por se todos estes non fosen suficientes motivos para darlle aos hórreos tamén a relevancia simbólica que verdadeiramente posúen, tamén hai que salientar que os hórreos serven para medir a prosperidade dunha poboación, pois "cando o hórreo está cheo de mazorcas de millo ou de cereais ou de sacos de avea, indica fartura, indica que a familia ou a vila non pasa fame". De feito, Filgueiras lembra que "Castelao xa dicía que non hai nada máis triste que ver o ceo a través das táboas ou das pedras dun hórreo, porque iso significaría que o hórreo está baleiro", de tal maneira que un hórreo baleiro "denota miseria para a familia ou o pobo". E é que, realmente, "o hórreo ofrece unha imaxe de como é o lugar no que se atopa, representando á aldea ou á familia, e, especialmente cando están agrupados en eiras, demostran unha sólida cohesión comunitaria ou familiar, xa que tamén lembran ao clan, á familia, á liñaxe (aínda máis se gozan dun escudo heráldico), ao que protexen e gardan".

Para a arqueóloga, "dalgún xeito, os hórreos tamén nos lembran o vulnerable que é a vida, porque antes que estivesen cheos ou baleiros era indicativo de fartura ou miseria, pero agora mesmo, despois de ser tan importantes, están desactivados, relegados a un uso case ornamental, a pesar de ter sido a esencia da vida no seu tempo, verdadeiramente". E, dentro dese lembrarnos a vulnerabilidade da vida na actualidade, hai que sinalar que algúns tamén a amosaban no pasado, pois con ese carácter de capela coa que eran vistos nalgúns lugares, a arqueóloga comenta que tamén se empregaron nalgúns casos para velar aos mortos, facendo dentro deles o velorio dos defuntos. Deste xeito, a todas as facetas anteriores habería que sumar tamén o seu "carácter funerario".

"HABÍA BENDICIÓNS PARA TODOS OS MOMENTOS DO CICLO DO PAN; NO 'LUMEPAN', OS CAMPESIÑOS CORRÍAN CON FACHOS PRENDIDOS POLOS CAMPOS"

Na mesma liña destas historias e cantigas vinculadas ao pan estaban tamén as bendicións, pois había bendicións case para todos os momentos do ciclo do pan, incluído o momento de metelo no hórreo para a súa conservación. "Cando se sementaba, bendecíase", explica Filgueiras, que conta que "antigamente había unha cerimonia moi bonita en Galicia, que se perdeu xa hai anos, coñecida como o 'lumepan', que se facía na noite do 30 de abril, e na que os campesiños ían con fachos de lume correndo polos campos bendicíndoos mediante o lume, xusto na véspera do 1 de maio, que é unha data fundamental na tradición celta, chamada 'beltaine', rito que viña a ser igual ao noso 'lumepan'".

Pero non só nese intre se bendicía, pois tamén cando se recollía o pan se bendicía, ao igual que se bendicían os muíños, pois nalgúns mesmo se poden ver cruces gravadas e marcas que amosan esa bendición e mesmo a propia muiñada de baile e canto servían para bendicir o muíño. "Todo o tempo hai un grande empeño por bendicir, protexer e que non se bote a perder nada do que se fai durante o ciclo do pan, nin sequera no momento de servilo e poñelo na mesa, pois antes de repartilo tamén se lle daba a bendición", apunta a arqueóloga. Tamén trae a coación "a regueifa, un pan de voda co que se baila na cabeza antes de proceder ao seu reparto durante a celebración".

"A DISPOSICIÓN DOS HÓRREOS AO LONGO DO TERRITORIO GALEGO E NOS PROPIOS LUGARES ELEVADOS ONDE FORON CONCIBIDOS DEBE RESPECTARSE"

Finalmente, non hai que esquecerse de que a ubicación dos hórreos tamén é moi importante e non debe alterarse. "A disposición dos hórreos ao longo do territorio galego e nos propios lugares elevados onde foron concibidos debe repectarse, porque hoxe téndense a colocar en calquera lado ou a movelos se se fai unha obra, cando en realidade cada un debe estar na zona que verdadeiramente lle corresponde, pola súa esencia cultural propia de cada espazo", explica Filgueiras. Tanto é así que a día de hoxe os hórreos son a imaxe icónica da marca Galicia de cara ao turismo, porque "sempre que se pensa en Galicia se pensa en hórreos". "Dende figuras de consumo turístico como a cerámica de Sargadelos ata as paradas de buses que teñen forma de hórreo", exemplifica a arqueóloga. Esta sería outra parte do patrimonio inmaterial e simbólico dos hórreos, neste caso máis moderna e adaptada aos nosos tempos. É dicir, aínda perdido o uso para o que foron concebidos, seguen a xogar un papel moi importante para a economía galega.

Hórreos representados nas Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio, no século XIII
Hórreos representados nas Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio, no século XIII | Fonte: Wikipedia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta