O futuro das romarías en perigo: "Hoxe hai curas que lle din á xente do rural que os seus ritos só son supersticións"

O profesor de Antropoloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC) Xosé Ramón Mariño Ferro fala co Galicia Confidencial sobre os diversos símbolos relixiosos que se conservan en Galicia e sobre o futuro das romarías.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 01/11/2024 | Actualizada ás 21:58

Comparte esta noticia

Se che pido que penses nunha romaría galega, de seguro que a primeira que se che pasa pola cabeza sexa O Corpiño en Lalín ou Os Milagres de Amil en Moraña. Pero, se agora che digo que me nomees dez romarías, de seguro que che sobran os dedos dunha man para dicirme todas as que coñeces. E, aínda que consideres esta proba un reto complicado, o certo é que non debería selo tendo en conta que, só durante o verán, en Galicia xa hai máis de 3.000 celebracións que xiran arredor dos santos. Sen embargo, ben é certo que cada ano que pasa algunhas se van perdendo, o que supón unha triste noticia para o noso patrimonio cultural inmaterial, pois non deixan de ser unha representación do saber tradicional do pobo galego. Os motivos? A falta de fe dos máis novos, pero, sobre todo, a perda de poboación no rural, onde unicamente os máis maiores sosteñen as tradicións, tradicións que, coa súa morte, tamén morrerán. Dende o Galicia Confidencial falamos co profesor de Antropoloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC) Xosé Ramón Mariño Ferro, que nos explica a importancia da simboloxía relixiosa en Galicia e que nos conta a súa opinión sobre as causas que derivan na perda das romaxes.

Romaría do Monte Faro en Chantada
Romaría do Monte Faro en Chantada | Fonte: Ribeira Sacra

"As romarías son cousa de xente dunha certa idade do rural galego, non tanto de xente nova, porque verdadeiramente son os máis maiores os que sosteñen estas tradicións", asegura Mariño Ferro. En concreto, confesa que "polo de agora xa foron desaparecendo as romarías pequenas, máis locais, esas ás que antigamente ían os crentes a pé". Eran romaxes que se realizaban en practicamente todas as parroquias para posibilitar aos crentes que non tiñan xeito de desprazarse (moito máis difícil antes da invención do coche) o poder ir realizar peticións a un santo. Dende a irrupción do transporte xeralizado e fácil, mesmo os crentes desas pequenas parroquias "prefiren ir a romarías que se consideran máis importantes e que atraen a máis xente", de tal maneira que, "as outras, van desaparecendo ou quedan como algo residual, con moi pouca xente". Así as cousas, cando se ven na televisión ou nas redes sociais gravacións de romarías como a do San Campio en Tomiño e Outes ou a de Nosa Señora da Lanzada en Sanxenxo, con milleiros e milleiros de asistentes, podería dar a impresión de que estas tradicións están máis vivas que nunca en Galicia, cando esa non é a realidade.

"XA NAS CULTURAS GRECOROMANA E XUDEA, DAS QUE BEBEU O CRISTIANISMO, HABÍA ROMARÍAS" 

Comezando por coñecer a historia das romarías, hai que remontarse a tempos moi pasados para atopar a orixe destas festividades. Mariño Ferro explica que "as romarías hainas en moitísimas relixións e, as de tradición católica, teñen a súa raíz nas romaxes que había na cultura grecoromana e xudea", que son "as dúas fontes das que bebe o cristianismo". Así, "o que fixo con elas o cristianismo foi, coma con outros moitos aspectos da relixión, recoller esas tradicións e adaptalas á mensaxe propia da súa fe". Foi así como lles deu un sentido ás imaxes dos santos, por exemplo, que non son máis que substitutos de moitos dos deuses grecolatinos. Sustitutos representados en forma de imaxes, xa sexa en esculturas ou pinturas, unha particularidade máis do culto aos santos en Galicia que non se dá noutras rexións. "En Grecia e Roma tamén se usaban esculturas para representar aos deuses, pero en Israel, por exemplo, xa non había imaxes de Deus, estaban prohibidas, e o culto da xente radicaba na súa imaxe mental de Deus", apunta o antropólogo.

Na mesma liña, pon o caso doutras culturas nas que "como imaxe dos seres sagrados, dos seus deuses, empregan animais, como acontecía en Exipto". Neste lugar, por exemplo Mariño Ferro apunta ao uso da vaca como representación dunha deusa: "Non é que os exipcios divinicen á vaca, senón que a vaca é a imaxe dunha deusa, neste caso da deusa Athor, que se parece á vaca nalgo: non é que sexa unha vaca en si, senón que se parece á vaca en que é maternal, coida dos fillos e aliméntaos igual que as vacas alimentan á humanidade co seu leite". En realidade, esa imaxe trátase dunha metáfora. Con todo, en Galicia a cousa non é así, porque "a xente tenlle moita devoción ás imaxes, e sería impensable que non as houbese". Agora ben, o antropólogo defende que, "aínda que moitos que non saben de cultura nin relixiosidade popular veñen dicir que a xente do rural adora ás imaxes, iso non é así, o que adora é o que representan: un ser que está no ceo, que é o santo".

Romaría do Corpiño en Lalín
Romaría do Corpiño en Lalín | Fonte: Concello de Lalín

"OS RITOS QUE SE LEVAN A CABO NAS ROMARÍAS NON SON SUPERSTICIÓNS, SENÓN CRENZAS"

Ademais, tamén asegura que "din que a xente do rural adora aos santos e os tratan coma se fosen Deus, cando, en verdade, esta xente trata aos santos como avogados, é dicir, intermediarios que lle piden a Deus en nome da xente que os venera (que lle curen unha enfermidade ou que lle vaian ben os cultivos, por exemplo), pero que carecen de poder en por eles mesmos". Isto é así porque en Galicia todas as romarías, ao igual que todas as igrexas, aínda que sexan parroquias pequenas que carecen de romaxes, gozan de imaxes. Este é un tema sobre o que se discutiu moito, o uso das imaxes, porque "como o catolicismo vén desas tradicións grecolatina e xudea, e a xudea non emprega imaxes, podería terse adoptado calquera das dúas vertentes". Así, "houbo unha loita dende sempre por ver cal das dúas se impoñía, pero, dende o Concilio de Trento, as imaxes foron totalmente aprobadas e, dende ese momento, oficialmente, aínda que a cousa xa viña de moito antes, todas as romarías teñen a súa imaxe e, algunhas, mesmo teñen reliquias, é dicir, restos dalgún santo ou da propia Virxe".

Por sorte, e a pesar de que os datos evidencian que cada vez hai menos crentes activos, en Galicia as romarías perviven algo mellor que noutros lugares. Por que? Para Mariño Ferro, a clave pode estar en que "aquí segue habendo unha poboación algo máis rural e que con relativamente un peso importante dentro do territorio". Aínda con todo, para o antropólogo resulta mezquino que a día de hoxe "haxa xente que se cre culta e que vai por aí criticando as romarías porque as considera supersticións". Así, defende que "non se trata de supersticións, senón de crenzas que estás no teu dereito de compartir ou non, pero que en ningún caso son supersticións". Como apunta, "unha superstición é unha crenza irracional, sen sentido nin valor algún, e iso é algo que non existe". Pola contra, "o que ten a xente do rural son crenzas que, para eles, teñen valor e son racionais, son lóxicas", aínda que "dende a nosa cultura actual non as entendamos e nos parezan irracionais". Pero iso é algo que sucede noutras ramas da cultura como pode ser a poesía. "Se ti colles unha frase ou un verso de García Lorca onde emprega unha metáfora e a les ao pé da letra, dis que é algo irracional, pero tes que entender que se trata dunha metáfora que debes interpretar", exemplifica o antropólogo.

DA HERBA DE NAMORAR AOS NÓS NAS XESTAS PARA PEDIR UN COMPAÑEIRO DE VIDA

Dentro desas metáforas, que no mundo das crenzas se chaman símbolos, non só están as imaxes dos santos, aínda que si son as máis numerosas, senón que tamén hai outras que foron en decadencia, porque "hai moita xente que non entende a cultura popular nin as maneiras de pedir que había antes". Así, hoxe por hoxe un devoto vai a unha romaría e pídelle algo ao santo ou á Virxe, e faino, normalmente de palabra. Iso si se acepta, pero moito menos aceptado está que llo pida empregando símbolos, cando en moitas romarías era do máis normal empregalos. A modo de exemplo, Mariño Ferro apunta á herba de namorar (coñecida como caravel mariño), que simboliza á persoa amada, tal e como se recolle nas cantigas populares e pinturas renacentistas. Esta herba recóllena algunhas persoas cando van de camiño á romaría de San Andrés de Teixido en Cedeira, porque, con ela, lle están dicindo ao santo que lles gustaría atopar a un mozo ou unha moza para casar ou formar unha familia e, "en lugar de pedirllo de palabra, pídenllo por medio dun símbolo". O antropólogo chama a este tipo de símbolos "ritos indicativos", porque "son ritos nos que indicas ao santo o que lle pides". 

Outro símbolo semellante relacionado co amor ao que se lle dá en chamar superstición en non poucas ocasións, é cando en moitas romarías a xente fai nas plantas próximas ao santuario, normalmente xestas, un nó cunha das súas ramiñas. "O nó é o símbolo do matrimonio, da unión entre dúas persoas, así considerado aínda hoxe en día, pois representa a dúas persoas que anudan o seu compromiso", explica Mariño Ferro. De feito, "este símbolo aínda se emprega a día de hoxe nas invitacións de voda, como decoración, pero co mesmo significado", de tal maneira que, aínda que poidamos pensar que é algo novo, non se trata de nada inventado, senón que "vén dende moi antigo, como símbolo de matrimonio". Así, as persoas que fan nós nas ramiñas próximas aos lugares das romaxes, "estanlles a pedir ao santo ou á Virxe unha parella", do mesmo xeito que acontecía co outro exemplo, "non de palabra, senón cun xesto". Pero, en calquera caso, non é un rito máxico nin unha superstición, como ás veces se lle dá en chamar, senón unha forma de pedir moi arraigada na tradición galega.

DAS TELLAS MOVIDAS NOS SANTUARIOS ÁS PROCESIÓNS DE CADALEITOS: AS POLÉMICAS

Así mesmo, outro símbolo que a día de hoxe está desaparecendo polos avances experimentados nos últimos tempos na navegación, é o de mover unha tella. "Antes, cando a navegación ía a vela, podía acontecer que as persoas que ían no barco quedaran no medio da mar estancadas por falta de vento que movese a embarcación, o que se coñecía como 'calma chicha'", explica o antropólogo. Entón, "as súas mulleres, fillas ou nais ían a determinados santuarios, como o de San Alberte de Ribeira ou o de San Andrés de Teixido en Cedeira, e movían unha tella do santuario". Algo que tamén podería ser interpretado como maxia, realmente non o é, porque "de selo, poderían telo feito na súa casa, coller unha tella e movela sen máis", pero, por que ir ata o santuario? Porque, como apunta Mariño Ferro, "estanlle pendindo ao santo que faga vento do mesmo xeito que cando o vento move as tellas, forte". Desta maneira, o antropólogo asegura que "só lle están indicando ao santo o que queren,non están facendo maxia, é un símbolo máis". Na mesma liña, antes era moi frecuente que, "ante períodos de seca prolongada, se levase ao santo a un regato para botarlle un pouco de auga, como símbolo para pedirlle que chovese". Este sería outro rito indicativo.

Un dos símbolos máis polémicos, sen lugar a dúbidas, é o dos cadaleitos. "Os curas de agora prohíbenos e fan moi mal, porque estanlle chamando supersticiosa á xente, cando en verdade non o é", advirte Mariño Ferro, que explica que "os cadaleitos son un símbolo máis: como a persoa se librou da morte pola intermediación do santo, leva un cadaleito para agradacerllo". Sen embargo, os féretros son algo que "na cultura urbana actual non nos gusta, porque a morte é tabú para nós". Con todo, o antropólogo ten claro que "iso xa é problema noso, porque, afortunadamente, o mundo rural non ten ese problema, ou, alo menos, non o tiña ata fai pouco", de tal maneira que "se asumía a morte con moita máis naturalidade". Na opinión do antropólogo, "hai que dicir que niso, como en moitas outras cousas, a sociedade tradicional galega, do rural, tiña máis razón da que temos hoxe en día a sociedade urbana". Así as cousas, "os curas de hoxe teñen pouca sensibilidade con estes temas e, por iso, desafortunadamente, están desterrando estas prácticas", que chegarán a desaparecer.

"ALGÚNS CURAS NOVOS ESTANLLE CREANDO AOS NOSOS LABREGOS UN COMPLEXO DE INFERIORIDADE"

Ao final, os cadaleitos funcionan como exvotos, que veñen a ser "todas aquelas cousas que recordan o beneficio que recibiu un devoto por parte dun santo", é dicir, un símbolo máis. Sen dúbida, os máis coñecidos e aínda empregados en grandes romarías como a de Santa Minia en Brión, están feitos en cera, con forma de pernas, cabezas e outras partes do corpo humano. Sobre estes exvotos, Mariño Ferro considera que "ademais de ser un rito indicativo para pedirlle ou agradecerlle algo ao santo, cumpren con outra función: son unha maneira de que todos vexamos aquilo no que cren os demais, é dicir, a fe tan grande que hai en determinados santos". Cantos máis exvotos lle leven a unha figura, suponse que máis devotos ten e maior admiración esperta entre eles. "A nosa cultura occidental moderna é moi individualista, pero a cultura tradicional, afortunadamente, non o era, e o aspecto de colectivo, de comunidade e parroquia era moi importante, algo que tamén se amosaba coas grandes doazóns que, como colectividade, se realizaban aos santos (porque ao final todos os exvotos se entremesturaban e non se sabía quen fixera cada entrega)", expón o antropólogo.

Para Mariño Ferro é lamentable que "hoxe en día haxa curas novos que lle están dicindo á xente que todos estes son ritos supersticiosos", porque "iso vai facendo que os nosos labregos teñen un complexo de inferioridade que non deben ter". Na súa opinión, isto é algo "tremendamente inxusto" e que, ademais de repercusións individuais e sociais para a poboación rural, ten tamén "repercusións económicas, porque o noso campo precisa labregos orgullosos de si mesmos, emprendedores". "Iso é algo que actualmente falta no noso campo, e así nos vai", advirte o antropólogo, que lamenta que "se están abandonando zonas con moitas posibilidades, fonte de oportunidades, porque Galicia, afortunadamente, ten unhas condicións climáticas moi boas que lle permitirían ser moito máis produtiva do que é" se tivese xente que a traballase. Dende logo, para Mariño Ferro está claro que "falar de supersticións e rirse das crenzas dos galegos do rural, ademais de ser moi inxusto, non axuda, ten as súas consecuencias incluso a nivel económico, e non hai razón para facelo".

TEÑEN FUTURO AS ROMARÍAS EN GALICIA? "É MOI DIFÍCIL DE SABER, E IRÁN EN LIÑA COA PERVIVENCIA DA RELIXIÓN CATÓLICA"

Ante esta situación, a pregunta que pasa pola mente de todos é: canto futuro teñen as poucas romarías que aínda perviven en Galicia? E, a resposta que de seguro tes na cabeza, debe ser: pouco. Pero, como o ve Mariño Ferro? "É moi difícil saber cal será o futuro das romarías galegas, porque hai que ligalas tamén ao destino e pervivencia da relixión católica, algo que tamén é moi difícil de predicir", porque, como apunta, "por un lado, temos unha sociedade urbana moi secularizada, pero, polo outro, temos un mundo rural que non o é tanto". Tamén pon como exemplo do que podería chegar a acontecer países como Estados Unidos que son verdadeiramente modernos e avanzados, pero nos que a inmensa maioría de persoas son crentes. "En principio, vendo a evolución dos últimos anos, parece que a tradición irá a menos", pero, "en calqueira caso é moi difícil prever o que pode pasar", argumenta o antropólogo. O que si considera é que "a relixión tiña efectos moi beneficiosos para a vida, por algo a xente en todas as culturas do mundo e durante miles e miles de anos se achegou ás relixións", polo que "iso é algo que se vai redescubrir ou que, pola contra, se vai abadonar totalmente". 

Romaría de Santa Marta de Ribarteme nas Neves
Romaría de Santa Marta de Ribarteme nas Neves | Fonte: Concello das Neves
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Sostén o admirado Mariño Ferro que deixarmos de ser crédulas ou supersticiosos "ten tamén repercusións económicas, porque o noso campo precisa labregos orgullosos de si mesmos, emprendedores". Pois en Francia hai labreg@s orgullosamente ate@s, e o valor engadido dos produtos do campo francés convérteos en artigos de luxo. Aló os santos non pintan nada. O respecto da nosa tradición cultural non debera ser incompatíbel co progreso.