Por Galicia Confidencial | Ourense | 26/10/2024 | Actualizada ás 20:00
A tortilla de patacas foi a protagonista absoluta da segunda xornada da 25ª edición de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, acollendo o 1º Campionato de Tortilla de Patacas de Galicia.
O actual campión de España, Ramón Rodríguez do Restaurante O Cabo na Coruña, gañou tamén o Campionato de Galicia na modalidade de tortilla de patacas tradicional. O segundo premio foi para Samu Curbeira de Ankha Café de Ferrol e os terceiros clasificados exaquo foron Esteban Rey de Zahara Café de Ferrol e Pedro Miño de Adega Lastras de Betanzos.
Na categoría “tortilla con…” o gañador foi Pedro Miño de Adega Lastras de Betanzos cunha tortilla de patacas de papada ibérica con vieiras. O segundo premio foi para Manuel Vázquez do Bar Vitato de Lugo cunha tortilla con manitas de porco e a terceira clasificada foi María Rial do Café Azucarillo de Pontevedra coa súa tortilla de patacas con xamón de castañas de Coren e queixo Arzúa–Ulloa. Os gañadores das dúas categorías clasifícanse directamente para o Campionato de España que se celebrará en Alacante entre o 3 e o 6 de outubro de 2025.
Este campionato, que se celebrou en Expourense ao longo de toda a xornada, espertou unha gran expectación tanto entre os profesionais como entre o público xeral que quixo descubrir todos os trucos e segredos das tortillas dos 28 hostaleiros que participaron nas súas categorías.
Para poñer en marcha este campionato, Xantar contou coa colaboración da feira Alacante Gastronómica, promovida pola Cámara de Comercio de Alacante e con “Burgos Alimenta” que ademais están a ofrecer degustacións de paella e morcilla de Burgos aos visitantes a Xantar.
Aproveitando este campionato Coren presentou o seu novo “Ovo Gourmet” especialmente indicado pola súa cor, viscosidade, textura e sabor, para a elaboración de tortilla de patacas.
A programación ao detalle para a fin de semana, na web de Xantar 2024.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.