Sae adiante unha iniciativa para declarar a Lyme como doenza endémica de Galicia

A proposta do BNG presentada na Comisión de Agricultura foi aprobada por unanimidade con algunhas modificacións. O documento final trasladarase ao goberno do Estado para solicitar un protocolo de vixilancia e a inclusión da Lyme como enfermidade profesional do sector agrogandeiro e forestal.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/06/2024 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A deputada do BNG Ariadna Fernández vén de levar ao Parlamento Galego a preocupación pola presenza en Galiza da enfermidade de Lyme, doenza causada por unha bacteria que se contrae a través da picadura dunha carracha do xénero Ixodes. A nacionalista defendeu unha proposición non de lei na que se reclamaba a súa “inclusión urxente na listaxe de enfermidades endémicas de Galiza" e a iniciativa foi aprobada por unanimidade con algunhas modificacións. No documento final aprobouse trasladar ao Goberno do Estado a necesidade de estandarizar un sistema de vixilancia e a inclusión da Lyme como doenza profesional do sector agrogandeiro e forestal.

Carracha nun fento. Foto: GC
Carracha nun fento. Foto: GC

Fernández puxo de manifesto a necesidade de “coñecer mellor a distribución das carrachas, a súa densidade e o grao de infestación pola bacteria causante da enfermidade de Lyme”, para poder levar a cabo programas eficientes e útiles así como “plan de prevención e información á poboación, sobre todo nas zonas máis afectadas”.

ÁREAS DE MAIOR INCIDENCIA

Na defensa da iniciativa destacouse como áreas máis afectadas por esta afección a zona da Terra Chá, Meira, ademais da Fonsagrada, os Ancares, Ortegal, e Mariña Occidental e Central, con taxas de máis de dez casos cada cen mil habitantes. Noutros territorios como a Ulloa, Quiroga, a Mariña Oriental ou Lugo, referiuse que a porcentaxe é de cinco a dez casos por cada cen mil habitantes.

Os casos rexistrados concéntrase principalmente nos meses de xuño a outubro, aínda que os hai durante todo o ano. Por idades, chama especial atención o grupo de idade de cinco a nove anos, con taxas moi elevadas, o que supón “un perigo potencial para as crianzas que están en contacto coa natureza”. Na xente adulta, aféctalles sobre todo aos homes maiores de 65 anos, “en especial a persoas que teñen maior relación coa natureza” en concreto, e por suposto aos profesionais do sector agrogandeiro e forestal, ao estar máis en contacto co vector que transmite a enfermidade.

Unha carrracha subida a unhas herbas. Foto: GC
Unha carrracha subida a unhas herbas. Foto: GC

Por idades, chama especial atención o grupo de idade de cinco a nove anos, con taxas moi elevadas

ENFERMIDADE DE LYME

Desde 2018, a doenza está considerada polo Estado español como unha enfermidade emerxente, pero “carecemos dunha vixilancia unificada” malia a que, “entre o 2005 e 2019  houbese 1.865 pacientes ingresados por este motivo”, advirte o BNG.

A iniciativa, moi ben documentada, sinala tamén que Galicia sitúase no segundo lugar nas listaxes de maior número de casos hospitalizados pola enfermidade de Lyme. No período comprendido entre o 2017 e o 2019, houbo 71 ingresos; entre o 2014 e o 2016 ,67 e entre o 2005 e o 2007, 28. Isto supón un aumento do 192%, en palabras da deputada "unha porcentaxe nada desestimable á hora de crear protocolos para frear o avance da enfermidade e para detectala de xeito temperán e comezar o antes posible o seu tratamento”.

O propio SERGAS recoñece que o número de casos é moi superior ao do resto do Estado, o que o BNG considera un “grave problema de saúde pública”, xa que as enfermidades transmitidas por carrachas están medrando de xeito global. O 65 % dos casos en Galicia detectáronse nunha fase precoz,”na que a enfermidade se pode confundir cun estado catarro ou gripe”. Pero o 23% foron doentes crónicos ou diagnosticados “na fase diseminada da enfermidade, onde a diagnose é máis complicada e poden aparecer cadros de artrite, cardíacos e neurolóxicos e outros síntomas”. Fernández remarcou que esta doenza “non é para tomala coma unha brincadeira”. Nalgúns casos, mesmo chega a confundirse con ELA ou mesmo con Alzheimer, o que “evidencia a gravidade do problema e a necesidade de tomar medidas por parte do goberno do PP”, asegurou.

O propio SERGAS recoñece que o número de casos é moi superior ao do resto do Estado

A enfermidade de Lyme é causada por unha bacteria, que pertence ao xénero Borrelia, dentro da que temos varias especies que os humanos contraemos pola picadura dunha carracha do xénero Ixodes. O parasito, que actúa como vector, aumentou a súa presenza no noso territorio debido ao cambio climático que, co aumento das temperaturas en especial no inverno, favoreceu a súa supervivencia e multiplicación, sendo maior a presenza nas zonas boscosas do norte do estado, incluíndo o noso país en especial, axudando neste caso a gran cantidade de hóspedes cos que conta, dende fauna salvaxe a gando. En Galicia Confidencial xa publicamos no 2021 unha interesante reportaxe sobre esta doenza emerxente e en Xornal de Lemos unha entrevista sobre o tema cun médico do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta