Os hórreos non só foron almacéns de gran, tamén son verdadeiros 'altares do vento'

Aínda que todos temos unha concepción material e funcional dos hórreos, dende o GC queriamos coñecer tamén a súa parte máis espiritual e inmaterial, e facémolo da man da antropóloga Ana Isabel Filgueiras.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 27/10/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Trigo, avea, centeo, millo, mazás, chourizos, touciño, xamón... Son moitos os alimentos que se viñan almacenando nos hórreos galegos. E é que, como para ninguén resulta unha sorpresa a estas alturas da película, os hórreos teñen unha función utilitaria ben definida: serven de almacéns para manter a comida a salvo da humidade e a choiva que caracteriza ao clima galego, pero tamén do forte sol do verán e dos roedores. Pois non hai que esquecer que houbo un tempo no que era fundamental poder gardar o gran colleitado en boas condicións, para garantir que con el se puidese elaborar o pan, base da alimentación da humanidade. Pero os hórreos tamén gozaban de máis utilidades, algunhas das cales aínda perduran hoxe en día nalgunhas aldeas, como por exemplo o seu uso como leñeira, porque debaixo do hórreo pódese meter a leña para mantela protexida da choiva; ou como galiñeiro, cerrando cunha malla a parte baixa do hórreo arredor das patas para meter as galiñas; e ata como rocho para o can, casiña de xogos para os nenos ou tendedeiro para a roupa.

Hórreos en Combarro
Hórreos en Combarro | Fonte: Turismo de Galicia

Agora ben, máis aló desta parte utilitaria que calquera persoa pode apreciar cando se atopa cun hórreo ou coa súa historia, estas construcións gozan tamén dunha parte simbólica e espiritual menos coñecida. Para descubrila, dende o Galicia Confidencial falamos coa antropóloga Ana Isabel Filgueiras, que nos conta o que se agocha detrás dun hórreo, comezando polo seu propio nome. De onde vén esa palabra tan rara? O primeiro que apunta é que "existe tanto a forma 'hórreo' como 'hórrea', e a única diferenza entre ambas construcións está en que as hórreas adoitan ser un pouco máis anchas, pero poden verse en convivencia cos hórreos, intercaladas entre eles, pola zona de Bergantiños, Ponteceso, Malpica, e tamén pola zona de Santiago, Val do Dubra, Teo, Touro, Boqueixón...". Ademais, tamén indica que aos hórreos teñen outras denominacións: cabazos, canizos (hórreos de vimbia entrelazada, probablemente os máis antigos), piornos, celeiros, cabaceiros, espigueiros, canastros... As acepcións son diversas e "todas estas denominacións e a diversidade tipolóxica de formas e materiais que presentan (de vimbia, mixtos con madeira e pedra, de granito...) xa constitúen en si mesmas unha riqueza cultural para enorgullecernos", confesa.

Pero, para atopar a palabra 'hórreo', Filgueiras asegura que a toponimia do nome en si é unha aliada fundamental e que xa aparece, por exemplo, nalgúns documentos de testamentos, doazóns e vendas nos que curiosamente as mulleres son as titulares, datados xa os primeiros no ano 1038, nada menos, no século XI", afirma a arqueóloga, que engade que "tamén aparecen referencias a esta palabra no ano 1232, neste caso denominando a un monte, o Monte do Órreo, ou a un lugar, o Lugar do Órreo", o cal, na súa opinión, "resulta bastante indicativo de que xa existían estes celeiros naquel tempo". Esta información foi extraída pola arqueóloga, como nos conta, do tombo medieval do mosteiro de Toxosoutos (Lousame), na que ela traballa como arqueóloga municipal, e apunta a dúas aldeas deste último concello, que reciben o nome de Orro e Curral do Orro, o que podería resultar un indicativo de que había hórreos no lugar.

"OS HÓRREOS SON VISTOS POLOS FORÁNEOS COMO PEQUENAS CAPELAS; E O FEITO DE QUE SE ATOPEN ELEVADOS CONTRIBÚE A ESA PERCEPCIÓN"

Como Patrimonio Inmaterial "os hórreos galegos teñen un importante valor simbólico. A súa arquitectura e localización elevada evoca unha capela, un pequeno santuario, especialmente cando están coroados con cruces. Hai tamén outros remates de hórreos (lampións) con pináculos, figuras animais ou humanas, pintados ou gravados con rosáceas, etc, e mesmo poden ter reloxos de sol, a data e o escudo nobiliario da familia. Así mesmo, moitos destes hórreos comparten outras arquitecturas monumentais asociadas, como poden ser os pazos que os albergan, castelos, igrexas ou mosteiros. 

Hórreo en Marín
Hórreo en Marín | Fonte: Turismo de Galicia

Esta parte sacralizada queda patente nas Cantigas de Santa María do rei Afonso X O Sabio, de mediados do século XIII. Filgueiras exemplifica que unha destas cantigas está iluminada (ilustrada) con dous hórreos nos que asoma o cereal pola porta e a pé deles uns monxes rezando. O texto informa que se trata dun milagre da virxe que atendeu os rogos dos frades nun momento de penuria por falta de alimento. O sagrado ademais vai relacionado coa elevación, o feito de que o hórreo sexa unha arquitectura alzada non é algo casual, senón que a elevación do mesmo ten un sentido práctico e simbólico, "práctico porque axuda a conseguir unha ventilación e aireación mellor, pero tamén simbólico porque a altura aproxima ao celestial, á divindade da que se espera protección e tutela, outorga ademais categoría e distinción, de aí que haxa exemplos de hórreos cunha clara vontade de ostentación".

Así, a antropóloga entende os hórreos tamén como "un patrimonio cultural sacralizado", e mesmo os denomina "altares do vento", porque "realmente son arquitecturas elevadas para recibir o vento e a protección ou bendición sagrada, empoleirados en sitios destacados e visibles como representación da casa e da comunidade", así podémolos ver nos portalóns das casas que acollen e reciben aos visitantes, sobre os muros dos camiños, agrupados nas eiras, no alto das aldeas coma un exército ao servizo da comunidade, sobre plataformas elevadas ou pequenas torres para conseguir unha maior altura tamén desafiantes na primeira liña de costa fronte ao mar ou ás rías. 

"O HÓRREO ESTÁ CLARAMENTE ASOCIADO AO CICLO AGRARIO DO PAN, E FORMA PARTE FUNDAMENTAL DESTE PROCESO MILENARIO"

Un proceso que comeza pola sementeira do cereal, continua coa sega ou a recolleita, a malla, o almacenaxe, seguidamente a moenda, despois o amasado na casa, o enfornado no forno e, finalmente, a súa venda na feira e consumo. "O hórreo está na metade dese ciclo", explica Filgueiras, pois "é o que se utiliza para almacenar o gran co que se vai elaborar logo o pan, de tal maneira que a súa presenza é vital, se non existise o hórreo, sen a tutela que exerce conservando o cereal, non se garantiría a supervivencia". Deste xeito, tamén hai que asociar o hórreo coa existencia doutro tipo de espazos que forman parte do ciclo do pan, como son as eiras, esas superficies enlousadas ou de terra nas que se facía a malla e que adoitan localizarse a carón do hórreo; ou os muíños hidráulicos e de vento, vinculados á súa vez con outra tradición musical e ceremonial como é a muiñada, pois a moenda vai acompañada de música e de baile, de aí as muiñeiras que continuamos a reproducir na actualidade.

Ademais, á existencia do hórreo e ciclo do pan hai que vincular a aparición de oficios que perduran ata os nosos días, como o de panadeiro, ou outros que foron desaparecendo, como o de muiñeiro ou muiñeira. "O oficio de panadeiro xa existía como oficio gremial na Idade Media", resalta a antropóloga, que asegura que era unha profesión esencial, pois "sendo importantes os ingredientes escollidos para realizar os alimentos panificables variaban en función da zona de Galicia na que se fixese o pan (mesmo marcas persoais das panadeiras que o ían vender nas feiras), dando sona a moitos lugares: Carral, Caldas, Noia, Friol...". E isto leva asociadas toda unha serie de historias, cantigas, costumes, etc., que, como afirma Filgueiras, "tamén forman parte do patrimonio inmaterial relacionado e asociado cos hórreos". E xunto aos oficios xurdidos do pan, están aqueles outros oficios anónimos, artífices directos da propia construción dos hórreos: canteiros, carpinteiros, pintores, ferreiros, etc.

"CANDO O HÓRREO ESTÁ CHEO PROXECTA UNHA IMAXE DE FARTURA, EXTENSIBLE Á FAMILIA OU Á COMUNIDADE, E AO CONTRARIO SE ESTABA BALEIRO"

Por se todos estes non fosen suficientes motivos para darlle aos hórreos a relevancia simbólica que verdadeiramente posúen, tamén hai que salientar que os hórreos serven para medir a prosperidade dunha poboación, pois "cando o hórreo está cheo de mazorcas de millo ou de cereais, indica fartura e por tanto prosperidade. De feito, Filgueiras lembra que "Castelao xa dicía que non hai nada máis triste que ver o ceo a través das táboas ou das pedras dun hórreo, porque iso significaría que o hórreo está baleiro", e por tanto hai miseria. E é que, realmente, "a feitura, tamaño e capacidade dun hórreo representa a casa, a familia, o clan, a aldea, así como unha manifestación de poder da xeste abastada". Para a antropóloga, "dalgún xeito, na actualidade os hórreos tamén nos veñen lembrar a vulnerable da vida. E, neste sentido, e posiblemente de forma excepcional, un aspecto funerario (e sagrado) dos mesmos é que nalgúns casos acolleron o velorio dalgún defunto.

"HABÍA BENDICIÓNS PARA TODOS OS MOMENTOS DO CICLO DO PAN"

Xunto coas historias e cantigas vinculadas ao pan é preciso destacar, nesa dimensión sagrada, os mecanismos de protección ligados a practicamente todos os momentos do ciclo do pan: as bendicións, incluído o momento de gardalo no hórreo para a súa conservación. Pero non só nese intre se bendicía, comezaban estas cando se sementaba o cereal, cando espigaba, sendo o cerimonial do 'Lumepan', ou 'Alumear' o pan (da noite do 30 de abril ao primeiro de maio) unha reliquia cultural excepcional de Galicia. Herdeira da tradición celta, recitar e bendicir con lume os campos de cereal foi un costume ancestral que perviviu ata finais do século XX. As bendicións da Cruz de maio (o 3 de maio), bendicións ao recoller a colleita, na moenda, nalgúns muíños mesmo se poden ver cruces gravadas e marcas que amosan esa intención de protección. "Todo o tempo hai un grande empeño por bendicir, protexer e que non se bote a perder nada", mesmo no ámbito doméstico durante o amasado e no momento de servilo e poñelo na mesa, apunta a antropóloga. Tamén forma parte dun ritual de casamento a regueifa, un pan de voda que a muller porta na cabeza mentras baila con grande habilidade antes de proceder ao seu reparto durante a celebración".

"A DISTRIBUCIÓN E POSICIÓN DOS HÓRREOS AO LONGO DO TERRITORIO MERECE COMPRENSIÓN E RESPECTO"

Finalmente, xunto a todo o anterior, non hai que esquecer que a ubicación dos hórreos é moi importante e debe procurarse non alterala na medida do posible. "A diversidade, distribución e disposición dos hórreos ao longo do territorio galego e nos propios lugares onde foron concibidos debe repectarse, porque é consecuencia dunha lóxica cultural plena de sentido e significado, tanto práctico como simbólico, así como a relación que establece con outros elementos do seu entorno inmediato, fóra deste contexto perde o seu valor", explica Filgueiras. Na actualidade os hórreos son a imaxe icónica da marca Galicia. "Dende figuras ou 'souvenirs' de consumo turístico, de representacións como premio en certames de todo tipo, de deseños vangardistas como a cerámica de Sargadelos, ata as marquesinas das paradas de buses que teñen forma de hórreo", exemplifica a antropóloga. En todo caso, "é importante ter sempre presente o que representan estes altares do vento, e así como nos foron dados, con conciencia e emoción, contribuír a que sigan con nós, como dicía o poeta (Manuel Antonio), "sempre, e máis despois".

Hórreos representados nas Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio, no século XIII
Hórreos representados nas Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio, no século XIII | Fonte: Wikipedia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta