Por Galicia Confidencial | Ourense | 31/10/2024 | Actualizada ás 09:00
O director de Xantar, Rogelio Martínez, destacaba no acto de clausura que moitos dos expositores “están creados na maioría dos casos por pequenos produtores, algo que nos satisfai porque así demostramos que o medio rural ten presente e moito futuro”.
Conclúe así unha edición especial do vixésimo quinto aniversario na que a organización deu un paso máis cara á profesionalización de Xantar cun programa con máis de 140 actividades repartidas en 2 aulas gastronómicas e 1 aula de cata que estiveron completas desde o primeiro día ata o último e que contaron cun total de máis de 6.000 participantes activos. En total, o salón rexistrou 17.000 visitas durante os catro días de celebración.
Rogelio Martínez explicou tamén que: “Xantar é xa moito máis que un lugar onde comer ou cear con menús completos e de calidade. É un punto de encontro profesional e persoal, un lugar ao que vir descubrir, aprender, compartir, participar, gozar e probar o que os expositores e as actividades teñen para ofrecer”.
O acto de clausura estivo presidido polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, que fixo fincapé no papel da dieta galega na lonxevidade dos habitantes de Ourense, provincia que busca converterse nunha das poucas áreas do Mundo denominadas “Zona Azul” polo seu alto cociente de habitantes que superan os 100 anos. Como é habitual nas últimas edicións, o domingo foi o día dedicado ao Medio Rural que estivo representado polo director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria --AGACAL--, Martín Alemparte, quen sinalou que esta cita é un excelente escaparate para promocionar as 38 “Experiencias de Calidade e Galicia”, é dicir, os produtos agroalimentarios amparados por selos de calidade como a Denominación de Orixe ou a Indicación Xeográfica Protexida.
A Consellería do Medio Rural facilitou a participación nesta feira internacional dunha decena de pequenos produtores e organizou un completo programa de talleres de cociña en directo impartidos por coñecidos chefs galegos que ensinaron innovadoras formas de cociñar os produtos de calidade maridándolos ademais con viños das cinco D.O. de Galicia. Organizaron tamén catas comentadas de produtos como o viño, mel e queixos premiados nas últimas catas oficiais de Galicia. Tamén participou no Túnel do Viño de Galicia no que estaban representadas 64 adegas das 5 denominacións de orixe de Galicia que ofrecían un total de 114 referencias.
REIVINDICACIÓN DO RURAL E APOIOS A XANTAR
A reivindicación por parte dos concellos rurais chegou da man de Purificación Domínguez, tenente alcalde do Concello da Arnoia, que tiña o seu día dedicado. Falou do importante papel que xoga Xantar para que os pequenos concellos poidan promocionarse como destinos enogastronómicos pero tamén fixo fincapé na necesidade de seguir investindo no medio rural para garantir a substitución xeracional e para que a agricultura non fose “economía de subsistencia ou autoconsumo” e puidese converterse nun negocio estable xerador de ingresos e fixador de poboación.
Xantar contou co apoio da Axencia de Turismo de Galicia e das Consellerías de Medio Rural e de Mar, entre outras colaboracións como a de Economía Social de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense a través do INORDE. No apartado de patrocionios empresariais contou co respaldo de grandes empresas do sector alimentario e servizos como o caso de Coren, Estrela Galicia, Cabreiroá, Cafés Lisboa, Grupo Cuevas, Gadis, Bricocentro Paradelo e ANFACO-CECOPESCA. Tamén hai que sumar o apoio da Deputación de Lugo, Renfe e a plataforma A shared Passion que promociona de forma conxunta os viños de calidade de España e de Portugal. Finalmente tamén se estendeu o agradecemento a "Cafés Lisboa" e rendeuse homenaxe ao chef Carlos Parra, tras 25 anos participando como cociñeiro nos restaurantes de Xantar.
PREMIOS GRUPO CUEVAS
Na xornada de clausura entregouse tamén o premio do XII Concurso Xantar Gourmet organizado polo Grupo Cuevas e que recoñeceu a mellor receita elaborada con castaña. A novidade deste ano foi a creación da categoría junior. Categoría senior: O gañador foi Adrián Cid Sánchez de “Gastrobar Auriga” (Ourense) coa receita “Bocadillo Crujiente de Cachucha e Castaña”. Quedaron como finalistas: Rubén Quintas Cortiñas + Alex Mellado González (CIFP VILAMARÍN) coa receita “Ravioli de Castaña en Salsa de Cogomelos” e Jesús Recouso Tresandi de Kozy Café (Vigo) + Manuel Teijeiro Castillo de Gandería Montes de Boado (Xinzo de Limia) coa receita “Baozi de Ovella Galega e castaña con salsa de boletus e castaña ao kimchi”. Categoría Junior: o gañador foi Martiño Rúa Paredes (Allariz) coa receita “Pastela de Outono”. Como finalista quedou o equipo formado por Irene Álvarez e Iria Castro (Celanova) coa receita “Castayum”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.